DECLARAÇONS DE GLORIA LAGO PARA O PERIÓDICO "XORNAL DE GALICIA" NAS QUAIS RETRATA ABERTAMENTE AS SUAS OPINIONS SOBRE O GALEGO E O SUPOSTO BILINGUISMO QUE DEFENDEM. ]*
"Ti, se tes que estudar algo, prefires estudar ese exame na túa lingua ou en italiano?" (Italiano? E por que non directamente mandarín, que é unha lingua tan incomprensíbel para o castelanfalante medio coma o galego?)
"Eu fun bilingüe en inglés e español, pero non todo o mundo está capacitado."
"Eu, co meu nivel de galego [!], podo ser tolerante e falar en galego, e non o estudei."
"Que habería mellor en min se en vez de estudar filosofía na miña lingua a estudase en galego?"
"Coñezo xente que só fala galego e ninguén lle puxo ningunha multa, pero dáme un pouco de medo, porque os que queren lograr ese dereito son os que son." (Esta frase é moi críptica para intelixencias mediocres coma a miña: Que nos quere dicir con isto? Que habería que considerar unha multa ou un imposto especial para monolingües en galego? A que dereito se refire? E, sobre todo – quen son "os que son"...? Para min que ha ser unha leria esotérica, mais xa se sabe: "non todo o mundo está capacitado" para determinadas alturas argumentativas!)
"Co vitimismo non se consegue nada." (Por desgraza, o exemplo de Galicia Bilingüe demostra o contrario.)
"Non o podo demostrar, pero hai pais que non se atrevían a poñer só en castelán por se lles abrían o sobre."
"... o PP quere contentar a todos."
"Agárdannos anos difíciles, pero el [o presidente da Xunta] xa verá o que fai." (Feijóo, quedas avisado! Gloria Lago is watching you!)
"Nós non avogamos polo bilingüismo. Nós chamámonos Galicia Bilingüe..."
"Hai moitos profesores que lles meten trolas aos nenos e din que queremos acabar co ensino en galego e iso non é verdade. Eu dixen que se poida escoller e estudar como asignatura e mesmo [!] que as non troncais sexan en galego." (Interesante como comeza empregando a primeira do plural e remata no singular: é a ela a quen teñen que pedir permiso, e ela que é tolerante, boa e xenerosa, admite que unha hipotética minoría poida ter algunha asignatura en galego.)
"A lingua é un vehículo, non é o mesmo dicir ‘salta, dá unha volta, que tal estades’ que Platón." (Esta argumentación lembra moito á que tivo que confrontar Piñeiro nos 50 por traducir unha conferencia de Heidegger ao galego: "¿Filosofía – ¡alemana! – en dialecto? ¡Habrase visto!")
"O feito de que haxa [no Estatuto] unha descrición histórico-xeográfica da lingua propia [logo, recoñécelo?], como lingua que xurdiu e se fala só aquí, é unha descrición, como se di que é unha lingua románica."
"E se a un señor que vive en Galicia lle peta vestir coma un hindú, non é galego? Ao mellor, é mellor galego ca outros porque non queima os montes." (Intrigante relación causa-efecto: se falas galego, rematarás queimando montes; se falas español, pode que tamén; mais non, ao que parece, "se vistes coma un hindú".)
"A min preocúpame o motivo que levou a existir esta situación, porque durante moitos anos, houbo un entramado [!] cultural que empezou a copar postos e está a presionar." (A perigosa mafia galeguista está detrás de todo!)
"Nunca participaremos en nada co máis mínimo cheirume político."
"A min non me gustan as subvencións, pédimolas, pero non me gusta [!!!], ademais eu son moi maniática co tema dos cartos, a miña honestidade é case psicopática." (Na miña opinión, a mellor frase da entrevista! "Honestidade psicopática" é un novo concepto digno de ser analizado en detalle.)
"Non vai haber unha milagre, non vai haber cen por cen galego, é mellor que baixen o discurso e se sumen, porque senón, van quedar sen nada." (Ameaza? Aviso para navegantes?)
"Hai empresas nas que non collen currículums de rapaces de Cataluña porque necesitan un corrector, perderon o rexistro culto do castelán. Mentres teña a dúbida de que iso é certo, prefiro non vivir alí. Son ricos a pesares do problema da lingua." (A última frase é a proba de que hai esperanza: malia o handicap da lingua, aínda estamos a tempo de facérmonos ricos!)
*Tirado dum comentário em chuza.org
Escrito às 16:56:07 nas castegorias: Novas
|
|