Crónica de Causa Galiza.- A manifestación unitaria do soberanismo galego no Día da Patria, convocada por cuarto ano consecutivo por Causa Galiza, mostrou o froito da intensa campaña divulgativa que realizou a iniciativa por todo o país, superando amplamente a asistencia a anteriores convocatorias. Case 3000 persoas acudiron á marcha unitaria, que saiu ás 13:30 horas da Alameda de Compostela baixo o lema “Para enfrontarmos o capital, aquí e agora soberanía nacional” e rematou na Praza do Toural, onde se deu lectura a un manifesto no que se destacou o papel do dereito de autodeterminación para solucionar os problemas socioeconómicos do país.
Contra as 13:30 horas saiu da Alameda de Compostela a manifestación da Causa Galiza, convocada por cuarto ano consecutivo, encabezada esta vez por unha faixa coa lenda “Para enfrontarmos o capital, aquí e agora soberanía nacional”, que portaban membros da portavocía e militantes da iniciativa. A marcha soberanista rematou ás 14:30 na Praza do Toural, tras percorrer sen incidentes varias rúas da capital galega cunha numerosa e intimidatoria presencia policial.
O acto político do Toural, que foi presentado polo cantautor punk Leonardo F. Campos, comenzou coa lectura dos apoios das organizacións internacionais e a actuación dos músicos galegos Mini e Mero. De seguido, o membro da portavocía Pedro Alonso leu o manifesto, no que se afirma que “conquistar para Galiza o dereito de autodeterminación é conquistarmos a ferramenta que nos permitirá construír no noso País o modelo socioeconómico que a maioría social precisa”. Por último, Charo Lopes, tamén integrante da portavocía, lanzou unha arenga denunciando, no tocante aos recurtes realizados coa excusa da crise económica, que “están a refundar o capitalismo a costa das nosas vidas”. Advertiu tamén, contra os recurtes de dereitos por parte do Estado Español, que “a nós non nos vale a legalidade do Estado, válenos a lexitimidade do pobo”. O acto político foi fechado co canto do himno nacional.
As case 3000 persoas que acudiron ao chamado de Causa Galiza demostran o éxito da ampla campaña divulgativa do dereito de autodeterminación que ao longo do pasado ano realizou a organización por todo o país, conseguindo a maior asistencia a unha manifestación soberanista nos últimos anos. Causa Galiza demostra así a forza crecente da defensa do dereito da cidadanía galega a decidir o seu propio futuro, unha reclamación irrenunciábel do noso pobo que entronca coas necesidades económicas, culturais, lingüísticas e sociais do país.
O manifesto lido na Praza do Toral advertiu ás persoas asistentes o inútil de esperar “atopar nunha ou noutra administración autonómica as solucións do noso pobo” xa que residen “en facerse soberano do seu propio destino liberándose día a día das cadeas que o asoballan”. Este é o traballo para o que “Causa Galiza veu desenvolvendo un humilde mais contante traballo de socialización do dereito de autodeterminación”.
Ao remate da manifestación, a iniciativa vai realizar tamén a xa tradicional romaría popular no parque de Belvís, onde van ter lugar debates políticos sobre os movementos autodeterministas no Estado Español, a relación da crise coa reivindicación soberanista ou a situación da lingua galega. O programa compleméntase ademais con presentacións de libros, competicións de billarda e fútbol e actividades para os nenos e nenas. A partir das 21:00, por último, vaise celebrar un concerto coas actuacións de Projecto [‘trepja], Labregos no tempo dos Sputniks e Fracasados de antemano.
Escrito às 12:40:46 nas castegorias: Política
|
|