CÁMARA MUNICIPAL DE SANTIAGO APRESENTA PROGRAMA COM APALPADOR COMO EIXO CENTRAL

Escrito em 15-12-2010 Categorias: CELEBRAÇONS/ACTOS

http://www.santiagodecompostela.org/hoxe/nova.php?lg=gal&id_nova=6704
CULTURA E CENTROS SOCIOCULTURAIS

A segunda edición do programa "Apalpando as ilusións" achega 315 actividades socioculturais e de conciliación á cidade

01/12/2010 O Apalpador, a figura mítica do Nadal galego, volve este ano a Compostela cargado de actividades para público familiar. A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, presentou o programa Apalpando as ilusións co que o seu departamento ofrece 315 actividades transversais para todos os públicos: obradoiros, maxia, música, teatro, monicreques, cine e accións para conciliar a vida laboral e familiar. Desenvolverase do 1 de decembro ao 7 de xaneiro en 30 centros e locais socioculturais, ademais do Auditorio de Galicia e o Teatro Principal.

Socorro García Conde sinalou que o programa "dálle continuidade ao labor de recuperación da figura do Apalpador". O Apalpador é un xigante bonachón, un carboeiro que vive nas montañas e que na noite do 24 ou o 31 de decembro baixa ás aldeas para apalpar as barrigas dos nenos e nenas e comprobar que están ben alimentados, deixándolles noces, castañas ou outros regalos. Por segundo ano este personaxe é o protagonista do Nadal en Compostela.


"Trátase dunha programación transversal, con actividades culturais, lúdicas e de conciliación", sinalou a concelleira. Inclúe multitude de obradoiros de todo tipo: decoración, gastronomía, novas tecnoloxías, xogos de nadal, postais, etc, ademais de actuacións da Real Filharmonía de Galicia, a Banda Municipal, Sarabela Teatro ou o Coro da Rá. Tamén haberá actividades especiais, como a Semana Fantástica do CSCX do Ensanche, do 13 a9 18 de decembro.


"É unha programación en rede na que os veciños e veciñas tamén son protagonistas, con exposicións, actuacións de corais e de baile tradicional", dixo Socorro García. Fran Rivera, técnico da rede de centros, salientou que é "un programa para toda a cidade, no que buscamos que a xente se mova dun centro a outro e socialice, ademais de achegar as actividades socioculturais a todos os barrios da cidade".


Campamentos abertos de Nadal

Socorro García Conde fixo fincapé en que "este programa presta importancia á conciliación da vida familiar, cunha nova oferta de campamentos abertos de Nadal". Durante as vacacións escolares, do 23 de decembro ao 7 de xaneiro (agás os domingos, festivos e 24 e 31 de decembro), celebraranse cinco campamentos nos cinco centros socioculturais de cabeceira. Ofrécense en total 125 prazas, con flexibilidade para que as familias con varios fillos nas que só un consiga praza por sorteo poidan envialos a todos eles ao campamento.



Os campamentos están dirixidos a nenos e nenas de 6 a 12 anos, aínda que nalgún dos campamentos acéptanse a partir dos 5 anos. O horario de acollida é de 7:45 a 15:15 horas, e o de programación de actividades lúdicas e educativas é de 9:45 a 14 horas. "Buscamos que os nenos se divirtan pero tamén aprendan", sinalou María del Carmen de la Cruz, técnica da rede de centros. En cada centro o campamento ten unha temática diferente: "os pequenos reporteiros" no Ensanche, "un Nadal de xogo" en Vite, "contos do Nadal" nas Fontiñas, "o misterio do Nadal" no Castiñeiriño e "un Nadal intercultural" en Conxo. O prazo de inscrición está aberto ata o 9 de decembro, cun custe de 25 euros por praza. De haber máis solicitudes que prazas, resolverase por sorteo o 14 de decembro.

Voltar

Notícia no "Galicia Hoxe" de 2007

Escrito em 24-01-10 Categorias: CELEBRAÇONS/ACTOS

Recuperan a figura galega do Apalpador, típica do Nadal
24.12.2007 A asociación cultural compostelá A Gentalha do Pichel pon de actualidade unha tradición que se daba por estas datas no Courel
A asociación cultural compostelá A Gentalha do Pichel comezou neste Nadal de 2007 unha campaña pola recuperación e posta en valor dunha figura mítica propria do Nadal galego, o Apalpador.
O Apalpador represéntase, segundo subliñan os membros da asociación cultural, como "um velho gigante que tem como ofício o de carvoeiro, e que vive nas devesas de alta montanha. Na noite de natal baixava às aldeias para achegar-se onde durmiam os nenos e as nenas, achegando-se apalpava as suas barrigas para comprovar que as crianças estavam bem alimentadas e, desejando-lhes que no ano vindouro nom passaram fame, marchava deixando-lhes como presente umha mancheia de castanhas quentes".
A tradición, recollida por José André López González nas comarcas do Courel e do Cebreiro, reflicte neste sentido "umha clara conexom com outros mitos semelhantes do entorno europeio tais como o Olentzero, o Pai Inverno, ou o próprio Papa Noel ou o Pai Natal", engaden os membros da Gentalha.
Ao seu xuízo, "nom é aventurado deducir que se trata dumha tradiçom de orige pre-cristiá que deveu estar estendida por toda Galiza, e que foi progressivamente marginalizada até quase desaparecer pola superposiçom das crenças da natividade cristiá sobre as celebraçons ancestrais do solstício de inverno".
Por este motivo, A Gentalha do Pichel decidiu levar adiante unha campaña de divulgación da figura do Apalpador, co obxectivo non só de darlle recoñecemento a unha tradición practicamente perdida, senón tamén a súa actualización e a súa recuperación dentro da sociedade galega.
Deste xeito, o colectivo compostelán editou diversos materiais para dar a coñecer o Apalpador e puxo a disposición dos usuarios de internet ampla información no seu sítio web.

O Apalpador em Ordes

Escrito em 12-01-2010 Categorias: CELEBRAÇONS/ACTOS

Tirado do blogue da A.C FOUCELHAS

Mais vale tarde que nunca. Publicamos agora as fotografias da visita do Apalpador a Ordes na tardinha do passado 24 de Natal. Nem as inclemências do tempo nem a burocracia do concelho pudérom com ele! Aproveitamos para agradecer-lhe ao Apalpador toda a sua amabilidade ao vir até aqui, tam longe das montanhas do Courel, para saudar às crianças (e nom tam crianças) da nossa vila.

Full story »

<< 1 2 3 4 5 6 >>


ASSINE AS NOSSAS NOTÍCIAS
RSS RSS
Março 2024
Seg Ter Qua Qui Sex Sab Dom
 << <   > >>
        1 2 3
4 5 6 7 8 9 10
11 12 13 14 15 16 17
18 19 20 21 22 23 24
25 26 27 28 29 30 31

Busca

  Feeds XML