« A Fundaçom Artábria ante a polémica criada polo Partido Popular ante concerto do grupo Banda Bassotti em Ferrol | Artábria no informe "As políticas culturais nas 7 principais cidades galegas" » |
O mestre e musicólogo Míni foi nesta ocasiom, como sabedes, o encarregado de pronunciar o pregom do Festival da Terra e da Língua. Antes, participou no debate sobre memória histórica e cultura, junto a historiadores e represaliadas da comarca. Para quem nom tivo ocasiom de assistir e para quem quiger relembrar as suas palavras, reproduzimos o seu discurso escrito, junto a um fragmento de 5'45 minutos em vídeo da sua intervençom no referido debate.
Pregom do VII Festival da Terra e da Língua: Recuperando a nossa memória, recuperamos a nossa cultura
Dentro do proceso de Autoodio que nos marca como pobo que perde a marchas forzadas as súas señas de identidade, xoga un importante papel a perda da memoria.
Porque o autoodio é iso: o esquecemento, a desvalorización do coñecemento do propio, a ausencia de transmisión das nosas señas de identidade, de pertenza a un grupo. A cultura non vén marcada polos xenes, e a aculturación é a negación da persoa, da colectividade e da simbiose co cosmos dun camiño orixinal.
Eu estou convencido de que a forma de dominación actual se base anisto: na aculturación como resultado da perda da memoria colectiva. Estas últimas xeracións xa non reciben dos seus a memoria do clan, a sabencia da procedencia, dos lazos que lle unen ós seus. Quen foi seu avó e a súa avoa. De onde viñeron. Que eran, que facían, as anécdotas, os contos, as palabras especiais da familia, da súa tribo, da súa comarca. (o cachirolo e o paranconquiñas). Moitos dos animais comúns pra nós lámbense cando nacen para impregnárense do cheiro que os vai identificar de por vida. Nós conversamos.
O relato oral e, por tanto subxectivo, dos ascendentes propios lígannos á familia. O relato oral dos ascendentes dos demáis veciños lígannos á tribo. O relato obxectivo-subxectivo da historia próxima e máis da lonxana lígannos a unha cultura e a un pobo.
Todo isto foinos roubado. O franquismo tivo necesidade, para enmascararse e así permañecer, de irnos borrando como colectividade orixinal. E así comezou a traxedia, borrando dun plumazo a historia conflictiva. Aquí ninguén estudou nada de nada desde Isabel II la Cachonda. Tampouco soubemos nada dos nosos monumetnos megalíticos nin do que foran os nosos castros. Sabiamos deles pola densa névoa que os envolvía en sabor de lendas de mouros e fadas. Pero nada máis.
Galicia, o meu pobo non tiña pasado histórico. Aquí non sucedera nada do que dicían os libros de texto. Nada do que arrepentirmonos nin do que estaremos orgullosos. Non foramos protagonistas de nada coma eternos servos analfabetos e submisos.
E velaí que un día eu descubro que teño todo iso. Eu descubro que na Coruña houbera milleiros de obreiras, que os labregos tiveran loitas, e de que maneira, sociedades, sindicatos, casas do pobo… e que en Présaras houbera unha fábrica de tecidos con case 300 mulleres empregadas e con todo o que isto significaba prá comarca. E abrín os ollos en solitario. E afirmeime na miña ilusión. Logo souben que por aquí tamén pasara os franceses, que houbera carlistadas, que os mortos de Filipinas e Cuba tiñan nomes e apelidos, pertenza a familias veciñas…
E o movemento guerrilleiro despois da sublevación de Franco. E Sindicato Agrícola e proclamación da República e homes e mulleres bariles e loitadores, con conciencia de clase e ansias de Revolución, de transformación. E que tiveramos un pasado curto, unhas pequenas vacacións democráticas de cinco anos que foran afogadas en sangue e en silencio. E aí nace a necesidade de recuperar a miña memoria xeral como nación dos galegos, e logo a particular como comarca e como tribo.
Pero a necesidade é colectiva. Hoje éncheselles a moitos a boca cando pronuncian a palabra democracia. Pero a súa. A que non ten pasado. A que comeza no mal parto da Transición. A sen mártires. ¿E sabedes a razón? Porque se a Transición houbese recuperado a memoria e os mártires, ests, que se aferran agora á Constitución que non sudaron e á democracia que non buscaron, non poderían fachendear de demócratas nin falar as sandeces que estamos obrigados a oir tódolos días.
E eu creo que temos necesidade de dar un paso máis. Hoxendía os estudos sobre a historia do noso pobo comezan a seren rigorosos e xeitosos. Temos que daremos gracias a estas fornadas de historiadores que dun tempo a esta parte se adican á investigación. No tocante á Memoria da II República e da Represión tambén é abondosa a información. Só ten unha eiva ó meu ver. Poñerlle os nomes, os feitos particulares, ligala ás familias e ós camiños, ós cemiterios, recuperala en boca da xente: FACELA SABER COLECTIVO.
Non sei se teremos ou non que desenterrar os restos físicos dos fusilados, dos paseados, dos sen nome… O que si estou seguro é que temos que racha-lo silencio das comarcas, das parroquias e das aldeas, dos barrios das cidades. Situar cada feito nun punto físicos e cada fito histórico traducilo no suceso daquela corredoira, daquel acantilado, daquela tapia de cementerio.
Temos que facerlle saber ó noso pobo próximo, ó veciño de tódolos días, que a res pública é de todos. Que non é patrimonio dos que detentan a profesionalidade da política. Que non hai noxo nin desespero. Que non vale a inactividade. Que é o resultado do esforzo de moita xente que regou con sangue, con sofremento e con ilusión esta liberdade que temos que rabuñar tódolos días.
Só así poderemos seguir sendo pobo singular que aporta o seu orgullo ó ben da humanidade. Só así terá algo de sentido este sistema democrático do que nos roubaron o protagonismo e co que catro charlatáns de feira venden os seus frascos de elixir máxico colectivo.
Só así, recuperando a Memoria, seremos protagonistas todos do noso tempo histórico e do nos presente que camiña a un futuro que construimos –deámoslle paso á fantasia- entre todos.
Mini, Narón, xullo 2.007.
Fragmento da intervençom de Míni no debate sobre Memória Histórica e Cultura, no VII Festival da Terra e da Língua.
[youtube]0EcBFWIM4zw[/youtube]