« Novo trabalho de Trapalhada disponível no nosso Centro Social!Solidariedade com as 11 vizinhas e vizinhos citados polos tribunais de Ferrol por se oporem à presença de ?Galicia Bilingüe? »

Reproduzimos o pregom lido por Antón Masa no VIII Festival da Terra e da Língua

23-07-2008

  01:16:12, por artabria   , 1697 palavras  
Categorias: Festival da Terra e da Língua

Reproduzimos o pregom lido por Antón Masa no VIII Festival da Terra e da Língua

A seguir, apresentamos o pregom lido polo presidente da Associaçom pola Defesa da Ria de Ponte Vedra, Antón Masa, no passado sábado, no Festival da Terra e da Língua que este ano dedicamos à defesa do Território.

NA DEFENSA DO TERRITÓRIO
Pregón no VIII Festival da Terra e da Lingua. Narón, xullo 2008.

Boa noite; boa noite e grazas por me permitir compartir este tempo con todos e todas vós.

Lingua e Terra, dúas pezas fundamentais na identidade dun pobo, e ámbalas dúas hoxe baixo serias ameazas. Tócame a min falar na defensa do territorio, dun territorio que está a pedir axuda de forma desesperada ás veces. Que leva pedindo axuda hai moito tempo porque hai moito tempo tamén que ven sendo castigado pola avaricia depredadora do capital e pola ineptitude e a complicidade dos poderes políticos.

De Cariño a Vilardevós, da Garda a Ribadeo, de Fisterra ao Barco de Valdeorras,... do interior á costa, nos ríos, nas rías, nos montes e nas chairas, a destrución dos valores ambientais, a perda dos recursos naturais e a substitución emprobecedora da paisaxe e da nosa economía son unha constante. E hai tempo que se ven xestando esta destrución.

Sen pretender remontarme moito atrás no tempo, é preciso lembrar o momento no que se encetou na nosa terra unha absurda e desafortunada repoboación forestal con piñeiros e eucaliptos, co úneco obxectivo de alimentar á proxectada fábrica de CELULOSA que rematou ancorando as súas garras depredadoras na parroquia pontevedresa de Lourizán, no lugar de Os Praceres, recheando unha importantísima superficie da Ría e soterrando o mellor dos bancos marisqueiros. Viñeron logo os tempos das Encrobas, de Baldaio, de Xove, da loita contra da enerxía nuclear e as mobilizacións polo uso da fosa atlántica como cemiterio nuclear, tempos de loita contra o poder franquista e nos que o medio ambiente estaba ao servicio absoluto dun “desarrollismo” mal entendido.

Pero Galiza estivo sempre exposta tamén ás maiores das catástrofes ambientais; as queimas forestais, un mal endémico desde a chegada do eucalipto; desde a invasión do deserto verde nas nosas mellores terras agrícolas, repítense ano tras ano con maior ou menor virulencia e ameazan co empobrecemento definitivo dos nosos solos. E ao seu carón, na costa antes verdecente, os desastres periódicos dos afundimentos de grandes buques que espallan a súa carga mortal nas nosas costas e sobre as nosas vidas. Casón, Urquiola, Mar Egeo,... son só algúns dos nomes que permanecerán connosco na memoria como non poderá fuxir xa nunca máis dela o do Prestige, non só por ser o último, senón polas consecuencias que tivo esa Marea Negra na organización social, no traballo solidario de milleiros de persoas e –sobre todo- no espertar dun pobo que fronte á ineptitude, fronte á burla permanente das administracións, foi quen de mudar o rumbo dun país e dun goberno que andou máis á deriva nesas datas que o propio petroleiro. Mesmo hai quen di que nesas datas Galiza deixou de ser un país submiso para coller a bandeira da reivindicación. Tempo haberá para seguir debatendo estes aspectos, pero o certo é que a “crise do Prestige” tivo moito que ver no cambio dos gobernos de Madrid e da Xunta de Galicia.

Foi, con seguridade, moita a xente que puxo os seus desexos de cambio nestes novos gobernos; que agardaban do goberno central e do compostelán goberno bipartito novas políticas ambientais; con seguridade tamén han de ser moitas ás que hoxe, logo dun certo tempo desde o cambio, teñan perdido xa toda esperanza de que se faga o desexo realidade. Non serei eu quen negue que algunhas cousas, máis no formal que no seu fondo, teñen mudado, pero a bagaxe é ben cativa e probas dun facer continuísta neste tema hainas abondo.

Cando Iberdrola está disposta a destruir os Canóns do Sil con dous novos proxectos de centrais hidroeléctricas e o escurantismo e o silencio é a única resposta do goberno do estado; cando se seguen a potenciar forestacións con especies alleas, provocando a erosión e a perda da cuberta vexetal polo uso arbitrario de maquinaria pesada, e facendo medrar os riscos de incendios forestais,... onde está o cambio?. Estou a pensar no Courel, no que se está impedir outro tipo de explotacións como a gandeira, o cultivo de froitas ou mesmo a apicultura; é así como a Xunta bipartita mantén a protección dun espacio da Rede Natura 2000?. Onde está o cambio cando neste mesmo espacio natural séguese a potenciar o medre de canteiras?.

A falta de sensibilidade medioambiental nestes gobernos é evidente, como é evidente a falta dunha política real de planificación do territorio, e só así pode entenderse que a Consellería de Medio Ambiente pretenda instalar en Carballeda de Avia, no pleno corazón do Ribeiro, unha macro planta de tratamento de residuos que vai pór en perigo non só o medio ambiente natural senón tamén un xeito tradicional de economía. Tan pouca é a sensibilidade que non poden pensar por un momento na Treixadura, no Torrontés, no Lado ou nas tintas Brancellao, Sousón ou Mouratón, castes tradicionais todas elas dos máis senlleiros viños do Ribeiro?.

Os ríos vendidos ás empresas eléctricas; os montes inzados de eucaliptos cando non queimados; as mellores paisaxes destruídas pola invasión ilimitada de muíños de vento; o litoral cuberto de cemento, de chalés adosados e urbanismo de luxo; as Rías,....

Permitídeme que me deteña un chisco para falar das Rías, todas elas con serias ameazas pero sen dúbida non todas do mesmo alcance; permitídeme a ousadía de vir aquí a vos falar da Ría de Ferrol, da vosa Ría, que non de REGANOSA, e a comparala coa situación da nosa, da de Pontevedra, que non da CELULOSA.

É absolutamente inaceptable que un goberno que se di progresista, permita e mesmo apoie con criterios absolutamente caciquís, propios dun goberno da dereita máis reaccionaria, a presencia da ilegal planta de REGANOSA no seu actual emprazamento, pondo en permanente perigo á poboación da bisbarra; e máis se temos en conta que existen posibilidades reais de instalar a planta de gas fóra da Ría. Sabede que contaredes sempre co apoio solidario da APDR na loita contra REGANOSA, que a loita encomiable do Comité Cidadán de Emerxencia será sempre tamén parte da nosa loita.

E mentres Ferrolterra loita contra REGANOSA, en Pontevedra loitamos contra a presencia de ENCE-ELNOSA na nosa Ría; pola recuperación e o saneamento da Ría para que un futuro mellor, baseado na explotación racional dos nosos recursos marisqueiros, pesqueiros, forestais e turísticos, sexa posible; para que mellore tamén a nosa calidade de vida. Van alá 20 anos de loita desde que se creou a “Asociación Pola Defensa da Ría”, vinte anos esixindo o peche definitivo do complexo contaminante e ilegal de Lourizán e moito nos tememos que hai loita para rato. É de xustiza recoñecer a loita do Concello de Pontevedra, do seu alcalde, o nacionalista Fernández Lores que desde sempre mantén unha posición de coherencia neste tema, algo ben diferente á posición do bipartito PSOE-BNG na Xunta, que mesmo asinou no acordo programático de goberno a saída de ENCE da nosa Ría e segue a marear a perdíz, amosando un claro sometemento aos intereses empresariais. Andan a falar do traslado, e mesmo soa como posibilidade Ferrolterra. Na APDR nunca apoiamos o traslado de ENCE; o que non queremos para nós non o queremos para ninguén. Seguiremos esixindo o fin da actividade do complexo ENCE-ELNOSA na nosa Ría, un peche da actividade que ten que se facer realidade xa, con anterioridade ao ano 2018 no que remata a concesión nos terreos de dominio público, e entendemos que é a empresa, e non a administración, quen ten que buscar emprazamento para unha nova fábrica.

Particularmente creo que Galiza non precisa de ningunha fábrica de pasta de papel, e sí dunha política forestal baseada na diversidade de especies e orientada cara a outro tipo de industrialización; e as CELULOSAS son incompatibles con este modelo.

Rematarei cunhas pinceladas de optimismo.
Fronte a esta situación xeral que tentei describir, todos e cada un de nós, todas e cada unha de vós,... temos que actuar como pequenas moléculas de osíxeno quen de conseguir rebaixar a DBO nos nosos ríos, nos nosos ecosistemas; temos que conquerir tamén que os gobernos sexan sensibles ás nosa esixencias en materia de medio ambiente; temos que ser quen de osixenar, de rexenerar ás clases políticas.

E son optimista.

Son optimista porque vexo como a xente se organiza contra as distintas agresións aos valores naturais; porque vexo como xurden colectivos sociais que –como o voso- loitan por manter acceso o facho da defensa do territorio. Son optimista cando vexo como no Courel, no Ribeiro, no Eume, en Ferrolterra, no Morrazo, nas terras do Salnés, nas nosas Rías, na Galiza enteira, a xente, organizada ou non en colectivos, loita por frear as agresións ambientais alí onde se produzan. Son optimista porque sei que máis cedo que tarde conseguiremos ver a Ría de Pontevedra libre de CELULOSAS, a de Ferrol sen REGANOSA, a de Arousa sen tanques no Ferrazo,... Porque sei que se algo ten valor é a forza mobilizadora dun pobo que loita pola defensa do seu territorio; porque estou convencido de que mentres haxa xente quen de reivindicar que Galiza non se vende, goberne quen goberne, haberá esperanza de futuro para o nos territorio, para o noso país.

Boa noite e boa festa!.

Antón Masa, presidente da Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR).

Sem comentários ainda

Horário de Abertura
- Segundas a sextas 10.00h-13.30h // 17.30h-feche
- Sextas e Sábados 18.00h-feche

A Associaçom Reintegracionista Artábria, nascida em 1992 em Narom, transformou-se em abril de 1998 em Fundaçom, inaugurando em setembro desse mesmo ano o seu Centro Social.

A Fundaçom Artábria está declarada de Interesse Galego e classificada de interesse cultural, com o número de inscriçom 54 e CIF:G15645518.


Para saberes mais, lê a definiçom da Artábria na wikipédia + info

Busca

Ferramentas de administraçom

  Feeds XML

multiblog platform