Antonio Seoane, o guerrilleiro de Boiro

Antonio Seoane, o guerrilleiro de Boiro

01-04-2011

Antonio Seoane, guerrilleiro antifascista galego, naceu en Boiro o 13 de outubro de 1906. Á idade de 5 anos tivo que emigrar coa súa familia para Arxentina, pero isto non foi un impedimento para que este boirense de nacemento seguise estando en contacto coa realidade do seu país xa que dende moi novo mantén relación cos emigrantes que van chegando a Bos Aires dende Galiza. Intégrase na Federación de Sociedades Galegas onde entra en contacto cos fuxidos da Guerra Civil e no ano 1939 entra a militar no Partido Comunista Español co fin de loitar contra o fascismo.

Por instrucións do Partido, viaxa a diferentes zonas da península (Nafarroa, Barcelona e Madrid), onde realiza labores de propaganda e axitación e onde coñece entre outros, a Xosé Gómez Gaioso. No ano 1944 regresa a Galiza como xefe do Exercito Guerrilleiro de Galiza, no que sería o período máis activo da guerrilla, executando numerosas accións contra o réxime franquista. En 1948 é capturado pola Garda Civil, torturado vilmente durante meses e o 6 de novembro de 1948, executado por garrote vil por ?actividades comunistas? no Campo da Rata (A Coruña).

A pesares de emigrar sendo apenas un neno de 5 anos de idade, Seoane mantivo un contacto constante coa realidade da terra que o veu nacer. Colabora dende novo coa Federación de Sociedades Galegas, axudando a moitos emigrantes galegos que van chegando a Bos Aires. Co inicio da Guerra, relacionase cos fuxidos, galegos que se viron na obriga de marchar para salvar a vida, republicanos, comunistas, galeguistas,...

En 1939, unha vez rematada a guerra, afíliase ao Partido Comunista de España, coa esperanza de que a 2ª Guerra Mundial chegue á península e deste xeito derrotar o franquismo. Por instrucións do Partido, viaxa a diferentes zonas da península (Nafarroa, Barcelona e Madrid), onde realiza labores de propaganda e axitación e onde coñece entre outros, a Xosé Gómez Gaioso. Despois de varios golpes importantes á dirección do partido, en 1944 os dous loitadores galegos son enviados a Galiza. Seoane, chega como Xefe do Exercito Guerrilleiro de Galicia e seu compañeiro, Xosé Gomez Gaioso, como Secretario Xeral do Partido Comunista de Galicia. Ambos veñen co fin de reorganizar o partido en Galicia e continuar coa a resistencia armada contra Franco. Estes anos coinciden co auxe da resistencia guerrilleira no noso país.

En 1948, Julián, como era coñecido dentro do Exercito Guerrilleiro e no Partido Comunista, foi delatado por un infiltrado na guerrilla, e o 10 de xullo é agardado polo Xefe do Servizo de Información da Garda Civil no bar ?Barlovento? da cidade de A Coruña, onde é detido por axentes da benemérita. O traidor que delatou a Seoane, tamén lles facilitaría información aos fascistas sobre unha reunión que tería lugar a mañá seguinte entre Seoane e Gaioso no domicilio do primeiro, situado no número 23 da rúa Real no centro de A Coruña. Cando Gaioso chega ao domicilio de Seoane é recibido por franquistas que o feren gravemente cun disparo que lle entra pola sen e lle sae por un ollo, consegue fuxir pero ao pouco é detido completamente ensanguentado.

Os dous rebeldes, xunto con outros compañeiros e compañeiras, serán encarcerados e tal e como describen nas cartas que escriben a amigos e familiares os derradeiros días da súa vida, son torturados brutalmente durante días, prácticas que aínda hoxe son habituais nos calabozos máis escuros do Estado Español.

Como testemuño, temos estes dous fragmentos, O primeiro é da carta escrita por Gaioso e Seoane aos guerrilleiros da IV AGRUPACIÓN ?PASIONARIA?, o segundo é da primeira carta de Gaioso á súa muller despois da detención, ambas escritas dende a cadea en 1948.

(...) Non vale a pena relatarvos as atrocidades que con nós cometeron. Para qué? Qué se podía esperar deses bandidos da brigadilla que, impune e covardemente, asasinan homes e mulleres, dos que saquean e incendian os fogares dos labradores, desas feras sen entrañas que manifestan un goce sádico torturando até a agonía a un ser humano? Moito se ten dito e escrito sobre a barbarie franquista e, non obstante, só é posible comprendelo cando se pasou por iso. Tiña mil veces razón Vilaboi, cando dicía que estes no son seres humanos, que son feras. (...)

(...) O que comigo e Seoane fixeron é algo difícil de relatar. Solo che direi que mil mortes son preferibles ao que con nós fixeron. Cando o 1º de setembro saín do calabozo era un esqueleto. O día da miña detención pesaba 73 quilos e peso 48. Teño o intestino e o estómago desfeito e os pulmóns non deixan de vomitar sangue. As mans, só agora con enorme dificultade, podo coller a pluma. (...)

Gaioso non menciona que tamén lle baleiraron un ollo. Seoane, nas súas cartas, menciona as torturas pero trata de non entra nos detalles.

Despois dun Consello de Guerra sumarísimo, son condenados a morte. Seone, como Xefe do Exercito Guerrilleiro de Galicia e Gaioso, como Secretario Xeral do Partido Comunista de Galicia, sendo os máximos responsables, saben que teñen poucas opcións de salvar a vida, pero apelan ás familias para que mobilicen a opinión internacional e exerzan presión sobre a ditadura franquista e conseguir que lles rebaixen as condenas aos outros condenados capturados na mesma operación.

Pero a campaña non darán os froitos agardados, o día 6 de novembro de 1948, ás 7 horas e 45 minutos, Seoane e Gaioso son executados polas hienas de Franco, sendo soterrados no Cemiterio Civil de A Coruña, nas tumbas número 98 e 99.

Actualmente, no Campo da Rata, lugar da execución de Gaioso e Seoane e outras moitas vítimas da represión franquista, existe un monumento na súa homenaxe, deseñado por Isaac Díaz Pardo, composto por bloques de granito, nos que hai manchas de pintura vermella simbolizando o sangue dos fusilados. Ten unha inscrición que di: Inmolados nestes campos frente ao mar tenebroso por amar causas xustas
Debuxo de Xaime Quessada en homenaxe a Gaioso e Seoane.

Fragmento da carta escrita por Gaioso e Seoane aos guerrilleiros da IV AGRUPACIÓN ?PASIONARIA?, dende a cadea en 1948.

(...) Traballade entre o pobo, orientade, organizade e defendede aos nosos bravos labradores, estendede a loita guerrilleira a todos os recantos da nosa amada Galiza. Que como nos dixo a nosa Pasionaria, ?as bágoas convértense en odio e o odio en ardor combativo?. (...) e Galiza, esta terra mártir e heroica na que nacemos e pola cal gustosos damos a vida, verá brilla o Sol da liberdade e da verdadeira xustiza de monte a monte e de mar a mar. Cando ese día chegue, que chegará pronto, solo vos pedimos que non vos domine o espírito de vinganza; pero facede xustiza, non esquezades, nin perdoedes aos vitimarios do noso pobo. (...)

Fragmento da carta de Antonio Seoane a un camarada residente na Arxentina, escrita dende a cadea en 1948.

Galiza non se dobregou nin hai tirano capaz de dobregala. Eu e outros magníficos loitadores caemos. Non obstante, a resistencia popular, a loita heroica dos guerrilleiros en vez de amainar intensifícase cada día máis. Isto é grandioso! A terra galega é un viveiro inesgotable e por moita sangue e moitas vítimas que a loita custe, o número dos amantes da liberdade é cada vez maior. (...) eu que coñezo o valor e a firmeza dos obreiros galegos, eu que sei desa intelectualidade progresiva que con entusiasmo contribúe á loita, podo asegurarlle que a vitoria da nosa causa non poderá evitala o réxime sanguinario de Franco por moitos crimes que cometa. Venceremos! E vostedes, os que vexan o día da vitoria, non esquezan nin perdoen aos que ensanguentaron a nosa Patria e levaron a traxedia a cada fogar do pobo. Non crea que pola situación na que me atopo me domina o espírito da vinganza. Non. Pero ás feras hai que tratalas como tales. E se vostedes, se o mundo enteiro puidese só por un minuto ver o estado no que quedaron os meus camaradas, torturados, rebentados, comprenderían isto.
(...)
Amigo e compañeiro: Sen pesimismos, mirando de cara á realidade, creo que esta será posiblemente a última carta que reciba de min. Se isto é así, despídame de todos os meus compañeiros e amigos españois e arxentinos e dígalles que morro co orgullo de ter servido fielmente ao meu pobo e á miña Patria.
Despídome de vostede cun abrazo forte, moi forte, e co grito de ¡Viva a República! ? Antonio Seoane. Prisión Provincial, primeira galería, cela nº 6, A Coruña.
Viva a República!

Escrito ?s 11:23:23 nas castegorias: ACERCA DE NÓS
por CS Aturujo   , 1374 palavras, 1003 visualizaçons     Chuza!

Sem comentários ainda

    A asociaçom Aturujo somos um grupo de rapazes e rapaças que tras moito trabalho conseguimos abrir um Centro Social na Barbança para dinamiçar o tecido associativo e cultural. É um projecto cujos objectivos som a dignificaçom e o espalhamento da língua e cultura galegas, a livre expressom e o movimento social ante a desgaleguizaçom que sofre o pais em geral e zona na que vivemos em concreto, luitar contra das injustiças sociais... e oferecer tambem umha alternativa lúdica à que nos tem acostumad@s esta sociedade de consumo.

    Estamos na Rúa Principal, nº118

    Horario do local

    Venres:19:00-1:00h Sábado:17:00-3:00h

    localsocialbarbanza@gmail.com
    material Aturuxo
    Março 2024
    Seg Ter Qua Qui Sex Sab Dom
     << <   > >>
            1 2 3
    4 5 6 7 8 9 10
    11 12 13 14 15 16 17
    18 19 20 21 22 23 24
    25 26 27 28 29 30 31

    Busca

    free blog software