« Artigo de Maurício Castro: 'Carvalho Calero no século XX galego' | Mais apoiantes da campanha por um Dia das Letras para Carvalho Calero » |
Reproduzimos o artigo assinado por Xosé Maria Dobarro, catedrático de Literatura Galega na Universidade da Corunha, publicado hoje mesmo polo Diario de Ferrol, em que manifesta abertamente o seu apoio à nossa campanha por um Dia das Letras para Carvalho Calero.
Na semana que se nos foi tiveron lugar no paraninfo do campus universitario de Esteiro as xornadas dedicadas ó profesor don Ricardo Carvalho Calero organizadas pola benemérita “Fundaçom Artábria” -que, casualmente, ten a súa sé no propio bairro de Esteiro, a catro pasos das instalacións universitarias- coa colaboración do servizo de Normalización Lingüística do noso Concello. Don Ricardo foi inscrito, tanto no rexistro civil como no eclesiástico da parroquia do Socorro -xustiño ó lado da casa onde eu nacín corenta anos despois del- como Carballo Calero. Un tempo -antes da guerra- asinou poemas como Carballo Caleiro e finou asinando Carvalho Calero, tal cal. Era a súa opción definitiva, o seu testamento e debemos grafar así o seu nome se non queremos traizoalo. A lexislación vixente non permitía, nin hoxe permite, mudanzas que non estean recollidas na norma oficial. Nela Carballo é así, con b e con duplo l. Mais a opción do profesor, á marxe da documentación oficial, é a que vale e, consecuentemente, debemos respectala. Unha cousa é o nome que a un lle puxeron e outra o que un escolle.
Entre nós, cando falamos ou escribimos de autores da nosa literatura é habitual galeguizar, ó noso antollo -e por iso ás veces mal- os nomes dos escritores. Como se eles fosen parvos e non soubesen como se podían chamar. Podemos ler, por exemplo, Xoán Manuel (ou Manoel) Pintos, Uxío Carré Aldao, Alberte Camino, Lois Soto... Curiosamente, non é habitual ver Anxo Casal, cando o Ánxel que el puña non é, xustamente, o máis galego. Ánxelo ou Anxo seríao máis. De todos eles consérvanse sinaturas que nos din que eran Juan Manuel, Eugenio, Alberto, Luís. E iso é o que temos que respectar. Se Pintos, que -como o meu mestre e amigo- era partidario da ortografía etimolóxica quixese mudar o nome que seus pais lle puxeran tería asinado como Joán, ou Joam. Pero non hai tal, nin en manuscrito nin en impreso. Outro tanto sucede con Carré Aldao. Como tódolos poetas da escola formalista coruñesa, que di Méndez Ferrín, o libreiro e editor coruñés utiliza -cando menos parcialmente, porque non hai lh e nh- grafías etimolóxicas e comúns co portugués. Non temos documentación sonora de como se dirixían a el os amigos da chamada “Cova céltica”, que se reunían na súa librería. Podía ser Eugenio, como en español -que era o seu nome oficial- ou Euxenio. Mais, nunca Uxío. Xa que logo, ¿a que andamos a xogar? Lembro que hai uns anos, un colega e bo amigo, Xosé Luís Armesto, que así se chama, quixo oficializar en galego o seu nome orixinario. Chegou ó xulgado e o oficial de quenda díxolle que tiña que galeguizar os dous nomes, non só un deles. Ou Xosé Lois ou nada. Se quería ser Xosé Luís tiña que levar un informe dunha autoridade lingüística que avalase a forma Luís. Aínda que non estou moi convencido de que realmente fose autorictas -malia que poidan dicilo así os papeis- o meu informe serviulle. O grande Camões -de familia procedente de Galicia, de Camos, perto de Nigrán- chamouse Luís, orixinariamente Luiz, que era como daquela o escribían os lusos e hoxe aínda seguen a facer os brasileiros. O que foi célebre xornalista deportivo José María García, que estaba tan ben informado no deporte como desinformado en idiomas, chegou a chamarlle sistematicamente Luz Pereira a un moi bo líbero brasileiro que xogou anos no Atlético de Madrid. ¡Manda truco converter un Luís con grafía arcaica en nome de muller! E o tipiño, que tamén non debería ter moitas luces idiomáticas, nunca o corrixiu.
Mais volvendo a don Ricardo, os amigos de Artábria -como moitos outros ferrolterráns de ampla orixe e condición- organizaron esta actividade para reclamar que a Real Academia Galega lle dedique ó excelso profesor e escritor o Día das Letras Galegas canto antes. Van anos andados para poder facelo, xa que o regulamento recolle que teñen que transcorrer un mínimo de dez anos desde a morte do electo. Estou convencido de que non hai mellores opcións. Meu vello profesor, mestre e amigo fixo -e case sempre máis que ben- practicamente de todo para crear cultura de nós.
Link do artigo no Diario de Ferrol.
Trackback URL (clique direito e copie atalho/localizaçom do link)
A Fundaçom Artábria leva mais de umha década a reivindicar um reconhecimento nacional para a obra de um dos grandes intelectuais galegos do século XX. Neste ano, voltamos a dirigir-nos à Real Academia Galega (RAG)para lhe pedir que dedique por fim um Dia das Letras a Ricardo Carvalho Calero: o do próximo ano 2009. Neste blogue, informamos do decorrer da campanha, das adesons, iniciativas e novidades neste longo caminho até conseguirmos, a partir da sua cidade natal e com o apoio de toda a Galiza, o reconhecimento que Carvalho Calero merece.
Seg | Ter | Qua | Qui | Sex | Sab | Dom |
---|---|---|---|---|---|---|
<< < | > >> | |||||
1 | 2 | 3 | 4 | 5 | 6 | |
7 | 8 | 9 | 10 | 11 | 12 | 13 |
14 | 15 | 16 | 17 | 18 | 19 | 20 |
21 | 22 | 23 | 24 | 25 | 26 | 27 |
28 | 29 | 30 |