Arquivos para: Fevereiro 2010, 08

08-02-2010

Link permanente 18:29:55, por csggaioso, 861 palavras   Português (GZ)
Categorias: Actividades

O Centro Social Gomes Gaioso assina o manifesto "Direito à cidade"

O Centro Social Gomes Gaioso assina com multidom de colectivos o manifesto "Direito à cidade", onde se denuncia o carácter anti-democrático e anti-popular do PGOM, como sempre redigido consonte os interesses dos especuladores e nom da maioria social. A seguir reproduzimo-lo na íntegra. No blogue do manifesto podem-se ver todos os assinantes do mesmo.

Persoas individuais, colectivos culturais e sociais, asociacións veciñais e diversos espazos da sociedade civil coruñesa queremos manifestar a nosa disconformidade rotunda, ante a aprobación inicial (unilateralmente acordada desde o concello da Coruña incluso co informe desfavorable da XUNTA) dun PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal), que se materializaría na formulación dun modelo de cidade insostible, laboral, ecolóxica e socialmente falando.

Expresamos a nosa disconformidade en forma de esixencia do Dereito á Cidade. Unha cidade, a de todas e todos, necesitada de procesos de diálogo social real, recibe un plan xeral inconcreto, escuro, dificilmente comprensible e contrariamente do que se quere facer ver, cun elevado déficit no que a participación e debate cidadán se refire.

A exclusiva presenza de administracións-partidos e centros de decisión económicos privados (lobbies económicos e grande empresariado da cidade) marca a ausencia dunha formulación dialogante e participativa cunha sociedade civil activa e recoñecible (asociacións culturais e sociais, agrupacións de profesionais, asociacións veciñais, colectivos de base,..) non tida en conta e francamente ausente do proceso de creación deste importantísimo plan de ordenación municipal. Un PXOM que demarca as liñas que dentro do termo “modelo de cidade” marcarán o futuro social, económico, cultural e ambiental da cidade. Grazas ao que lemos neste PXOM o futuro desta cidade semella inconsciente e francamente en suspenso.

Que modelo produtivo (económico) impón o PXOM?

O modelo de cidade terciaria que pretende, fala dun esquema insostible e irreal laboralmente falando, no que se substitúe un sistema produtivo máis heteroxéneo e diversificado por outro baseado en dous eixos de elevado custo ambiental e difícil consolidación económico-produtiva.

Primeiro, un ilóxico tecido de grandes superficies comerciais que socavan o pequeno e mediano comercio ,entregando ás traballadoras e traballadores a elevadas doses de precariedade laboral e impoñendo á cidadanía un modelo de consumo irracional moi por riba das demandas actuais e futuras da área metropolitana.

Segundo, un porto exterior (sobre o que pivotaría segundo o PXOM e o seu autor, Joan Busquets o tecido industrial e o futuro económico da cidade) tecnicamente cuestionado por persoal experto, administracións e cidadanía, sen uns orzamentos rigorosos e realistas, e dependente do proceso especulativo da venda dos peiraos do porto industrial actual; unha venda bloqueada polo estoupido da burbulla inmobiliaria nunha cidade onde o 15% das vivendas están actualmente baleiras.

Que modelo urbano (ambiental, territorial, social..) impón o PXOM?

O PXOM fala de “restablecer a relación co medio natural” algo que vai en clara confrontación coas directrices marcadas en relación á creación de novos recheos, megainfraestruturas, ou novos polígonos industriais e residenciais.

As grandes bolsas de zonas verdes nomeadas polo Plan dependen en gran medida de concellos limítrofes, algúns dos cales xa manifestaron a súa indispoñibilidade ante as intencións do municipio capitalino.

Tamén podemos afirmar que o que se supón un dos seus eixos centrais (a creación de vivendas de protección) é fume co que tratar de lexitimar e dar un marco institucional ao proceso de formalización de polígonos urbanizables (e Convenios de última hora e dubidosa formulación) onde a especulación e a xentrificación con actores privados serán o principal elemento urbanizador dunha cidade xa tremendamente densificada.

Por outra banda, unhas infraestruturas que na realidade violentan a cidade peonil (fraccionándoa con autoestradas como a terceira rolda que a illan fisicamente) para dotar principalmente de comunicación a empresas privadas (radicadas esencialmente en grandes centros comerciais e polígonos industriais de futura construción) e apoiar un modelo de transporte onde, de seguirmos co sistema de mobilidade en uso non solucionaremos os problemas de saturación automobilística. Deberíase solucionar as carencias dunha área metropolitana sen alternativas reais de transporte público, e con hexemonía absoluta e dependencia total do vehículo particular co custo de tempo, económico, e ambiental que isto require.

Outra carencia do PXOM é o tratamento ineficiente ou vago do tecido rural; a única alternativa para os núcleos rurais existentes no termo municipal é a de ser fagocitados polo tecido urbano, sen posibilidade de hibridación e enriquecemento mutuo. No mellor dos casos vemos unha conservación dos núcleos tradicionais en tanto elementos históricos, mais destrúese ou ignórase o territorio que lles dá sentido. Por si mesmo ese territorio ten un valor cultural e ecolóxico, en tanto que son territorios sustentables sempre que se potencie, entre outros, o seu uso primario que agora está en decadencia tanto pola dificultade para poder vivir do cultivo destas terras como pola especulación do que é obxeto.

Por último, falamos dun documento que segue sen abordar a solución que dende as políticas sociais, merecen os mal chamados asentamentos marxinais, e as persoas que os habitan.

En definitiva, a cidadanía da Coruña, activa e propositiva, esiximos participar no modelo concreto (rúas, barrios, comunidades…) e xeral de cidade.

Esiximos cauces democráticos de debate participativo sobre como queremos construír o noso ecosistema urbano porque buscamos ter a oportunidade de facer desta cidade un territorio realmente habitable, sustentable e tolerante.

Esixímolo Aquí e Agora.

Horários das Actividades

Portugês

Segundas-feiras 21-22.30h

Euskara

Terças-feiras 19.30-21h

Pandeireta

Terças-Feiras 21-22.30h

Euskara iniciaçom

Quartas-feiras 20-21.30h

Galego

Quintas-feiras 18.30.-20h

+ info 637260659

Estamos na Rua Marconi, 9 rés-do-chao [Atochas-Monte Alto] - Corunha (Galiza).

Abrimos de terças a sábados de 20h00 a 23h00.

gomesgaioso@gmail.com

Carvalho Letras Galegas 09

Esta entidade nasce com a ideia de integrar a todas aquelas pessoas que, de forma aberta, se quigerem implicar na dinamizaçom deste espaço alternativo, que tem por fim organizar iniciativas alternativas que pulem pola transformaçom da realidade em que nos desenvolvemos. + info

Biografia Gomes Gaioso Loja
Fevereiro 2010
Seg Ter Qua Qui Sex Sab Dom
 << < Atual> >>
1 2 3 4 5 6 7
8 9 10 11 12 13 14
15 16 17 18 19 20 21
22 23 24 25 26 27 28

Busca

Usuári@s Blogue

Locations of visitors to this page

Ligações

Aguilhoar - Ginzo de Límia Alto Minho - Lugo Fundaçom Artábria - Ferrol Baiuca Vermelha - Ponte Areias Aturuxo - Bueu Local Social A Esmorga de Ourense Gentalha do Pichel Local Social Faísca - Vigo A Fouce de Ouro - Ames Henriqueta Outeiro - Compostela Revira - Ponte Vedra A Revolta - Vigo Mádia Leva - Lugo A Treu - Corunha

Centro Social Gomes Gaioso

blog software