Páginas: << 1 ... 51 52 53 54 55 56 57 58 59 60 61 ... 78 >>

23-02-2010

  14:08:04, por csggaioso, 66 palavras  
Categorias: Actividades

Jornadas sobre língua no Gomes Gaioso


Nas próximas semanas terám lugar diferentes mesas redondas e palestras sobre diferentes temas relacionados com a língua. Representantes do sindicalismo (Françoise Davo, da CIG mais um/umha representante do STEG) e d@s estudantes (Iago Barros, de Agir) vam analisar a situaçom da língua no ensino, com especial atençom para o impacto que poderá provocar o novo decreto do galego e possíveis respostas para combater a sua aplicaçom.

22-02-2010

  21:06:54, por csggaioso, 553 palavras  
Categorias: Actividades

Comunicado contra o derrubamento das Atochas

Que nom matem a nossa memória!!! Nom ao derrubamento das Atochas!!!

Já o anunciáramos. Um cenário importante da nossa memória colectiva estava ameaçado, e quando escrevemos estas linhas, a ameaça consuma-se. Este governo municipal ao serviço da especulaçom e claramente inimigo de tudo aquilo que signifique a conservaçom de referentes às luitas, às resistências, às rebeldias do nosso povo, quer eliminar e elimina o bairro das Atochas. Nom se pode falar da história social da Corunha, nem da Galiza, sem As Atochas. As Atochas som imprescindíveis. Sobre a aldeia das Atochas, cresceu o primeiro bairro operário da nossa cidade. Nom se pode falar de história do movimento operário galego sem As Atochas. É impossível. Porque As Atochas forom um dos cenários do albor da consciência operária no nosso país. E porque quando escuitamos falar das Atochas, um nó no coraçom vai-se-nos formando e o sangue ferve-nos...de orgulho, porque esse nome sabe a solidariedade, solidariedade em feminino plural da cor negra da anarquia e da cor vermelha da irmandade proletária. Porque passamos polas calejinhas, entre as pequenas e modestas casas e rememoramos o eco dos fuzís fascistas a perpetrar a massacre, mas também escuitamos o ecoar das risas, das cantigas, das parolas, dos penares, da vida...da vida dura e pobre que levavam as mulheres das Atochas, guardando no silêncio esse tesouro que, quase sem sabê-lo, nos legarom...um tesouro de solidariedade e valentia. Elas, pobres, misseráveis, analfabetas e postergadas numha sociedade machista por serem mulheres, forom capazes de imaginar umha sociedade superior à que defenderom os filhos da oligarquia, supostamente mais culta e letrada, mas ancorada ao mesmo tempo no seu classismo genético e na caverna da sua podre moral. E por esse ideal infinitamente superior a qualquer doutrina justificadora das desigualdades sociais, derom a vida. Essa é umha heroicidade incomparável, e desde logo nom facilmente igualável. E por isso dizemos em alto que elas som, ante todo, do povo, polo seu sacrifício exemplar.

Nós, as gentes do Centro Social Gomes Gaioso, manifestamos a nossa oposiçom ao derrubamento das Atochas. Porque é umha das mais clamorosas atrocidades que se vam cometer com o PGOM corunhês. Porque é umha obra ilegal e um atropelo flagrante à vizinhança. Porque apenas vai servir para deshumanizar a contorna. E porque a desapariçom das Atochas para a construcçom de umha praça e um vial é a expressom mais evidente do trunfo de um modelo de cidade que esmaga os nossos direitos da maneira mais infame.

Querem apagar definitivamente da nossa memória colectiva as vozes, os passos, o alento, a suor, o trafego das mulheres das Atochas, as últimas heroinas deste bairro, porque a sua lembrança lhes dá nojo, porque eram pobres, porque eram filhas do trabalho, e a essa Corunha servil, provinciana e senhoritinga, a essa Corunha post-falangista e opusina, nom lhe agrada o recordo de que um dia na Corunha houvo trabalhadores e trabalhadoras conscientes de sê-lo. E porque é demasiado perigoso que germole o exemplo da sua luita.

Que saibam que nunca renunciaremos às Atochas. Que continuaremos honrando nas nossas memórias a todas essas geraçons de operári@s que crescerom lá. Que nom esquecemos aquela rede tecida casa por casa para dar tecto e alimento a quem combateu o fascismo na nossa terra. Que o ódio de classe dos autores desta barbaridade sempre encontrará como resposta o nosso orgulho.

20-02-2010

  12:47:19, por csggaioso, 44 palavras  
Categorias: Actividades

Entregadas centos de alegaçons ao PGOM

O Centro Social Gomes Gaioso participou na última concentraçom da plataforma "Direito à Cidade". Neste acto de protesto, entregarom-se de novo multidom de alegaçons-tipo ao PGOM e repartirom-se panfletos com o manifesto que dá nome à plataforma. Manteremos-vos informados de próximas acçons da plataforma.

14-02-2010

  18:11:10, por csggaioso, 26 palavras  
Categorias: Actividades

Festa do Entruido

Celebra o entruido com o Gaioso!!! Esta terça, às 19 horas, festa do entruido, prega-se vir disfarçad@.Poderedes participar no sorteio de umha cesta com produtos da terra.

08-02-2010

  18:29:55, por csggaioso, 861 palavras  
Categorias: Actividades

O Centro Social Gomes Gaioso assina o manifesto "Direito à cidade"

O Centro Social Gomes Gaioso assina com multidom de colectivos o manifesto "Direito à cidade", onde se denuncia o carácter anti-democrático e anti-popular do PGOM, como sempre redigido consonte os interesses dos especuladores e nom da maioria social. A seguir reproduzimo-lo na íntegra. No blogue do manifesto podem-se ver todos os assinantes do mesmo.

Persoas individuais, colectivos culturais e sociais, asociacións veciñais e diversos espazos da sociedade civil coruñesa queremos manifestar a nosa disconformidade rotunda, ante a aprobación inicial (unilateralmente acordada desde o concello da Coruña incluso co informe desfavorable da XUNTA) dun PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal), que se materializaría na formulación dun modelo de cidade insostible, laboral, ecolóxica e socialmente falando.

Expresamos a nosa disconformidade en forma de esixencia do Dereito á Cidade. Unha cidade, a de todas e todos, necesitada de procesos de diálogo social real, recibe un plan xeral inconcreto, escuro, dificilmente comprensible e contrariamente do que se quere facer ver, cun elevado déficit no que a participación e debate cidadán se refire.

A exclusiva presenza de administracións-partidos e centros de decisión económicos privados (lobbies económicos e grande empresariado da cidade) marca a ausencia dunha formulación dialogante e participativa cunha sociedade civil activa e recoñecible (asociacións culturais e sociais, agrupacións de profesionais, asociacións veciñais, colectivos de base,..) non tida en conta e francamente ausente do proceso de creación deste importantísimo plan de ordenación municipal. Un PXOM que demarca as liñas que dentro do termo ?modelo de cidade? marcarán o futuro social, económico, cultural e ambiental da cidade. Grazas ao que lemos neste PXOM o futuro desta cidade semella inconsciente e francamente en suspenso.

Que modelo produtivo (económico) impón o PXOM?

O modelo de cidade terciaria que pretende, fala dun esquema insostible e irreal laboralmente falando, no que se substitúe un sistema produtivo máis heteroxéneo e diversificado por outro baseado en dous eixos de elevado custo ambiental e difícil consolidación económico-produtiva.

Primeiro, un ilóxico tecido de grandes superficies comerciais que socavan o pequeno e mediano comercio ,entregando ás traballadoras e traballadores a elevadas doses de precariedade laboral e impoñendo á cidadanía un modelo de consumo irracional moi por riba das demandas actuais e futuras da área metropolitana.

Segundo, un porto exterior (sobre o que pivotaría segundo o PXOM e o seu autor, Joan Busquets o tecido industrial e o futuro económico da cidade) tecnicamente cuestionado por persoal experto, administracións e cidadanía, sen uns orzamentos rigorosos e realistas, e dependente do proceso especulativo da venda dos peiraos do porto industrial actual; unha venda bloqueada polo estoupido da burbulla inmobiliaria nunha cidade onde o 15% das vivendas están actualmente baleiras.

Que modelo urbano (ambiental, territorial, social..) impón o PXOM?

O PXOM fala de ?restablecer a relación co medio natural? algo que vai en clara confrontación coas directrices marcadas en relación á creación de novos recheos, megainfraestruturas, ou novos polígonos industriais e residenciais.

As grandes bolsas de zonas verdes nomeadas polo Plan dependen en gran medida de concellos limítrofes, algúns dos cales xa manifestaron a súa indispoñibilidade ante as intencións do municipio capitalino.

Tamén podemos afirmar que o que se supón un dos seus eixos centrais (a creación de vivendas de protección) é fume co que tratar de lexitimar e dar un marco institucional ao proceso de formalización de polígonos urbanizables (e Convenios de última hora e dubidosa formulación) onde a especulación e a xentrificación con actores privados serán o principal elemento urbanizador dunha cidade xa tremendamente densificada.

Por outra banda, unhas infraestruturas que na realidade violentan a cidade peonil (fraccionándoa con autoestradas como a terceira rolda que a illan fisicamente) para dotar principalmente de comunicación a empresas privadas (radicadas esencialmente en grandes centros comerciais e polígonos industriais de futura construción) e apoiar un modelo de transporte onde, de seguirmos co sistema de mobilidade en uso non solucionaremos os problemas de saturación automobilística. Deberíase solucionar as carencias dunha área metropolitana sen alternativas reais de transporte público, e con hexemonía absoluta e dependencia total do vehículo particular co custo de tempo, económico, e ambiental que isto require.

Outra carencia do PXOM é o tratamento ineficiente ou vago do tecido rural; a única alternativa para os núcleos rurais existentes no termo municipal é a de ser fagocitados polo tecido urbano, sen posibilidade de hibridación e enriquecemento mutuo. No mellor dos casos vemos unha conservación dos núcleos tradicionais en tanto elementos históricos, mais destrúese ou ignórase o territorio que lles dá sentido. Por si mesmo ese territorio ten un valor cultural e ecolóxico, en tanto que son territorios sustentables sempre que se potencie, entre outros, o seu uso primario que agora está en decadencia tanto pola dificultade para poder vivir do cultivo destas terras como pola especulación do que é obxeto.

Por último, falamos dun documento que segue sen abordar a solución que dende as políticas sociais, merecen os mal chamados asentamentos marxinais, e as persoas que os habitan.

En definitiva, a cidadanía da Coruña, activa e propositiva, esiximos participar no modelo concreto (rúas, barrios, comunidades?) e xeral de cidade.

Esiximos cauces democráticos de debate participativo sobre como queremos construír o noso ecosistema urbano porque buscamos ter a oportunidade de facer desta cidade un territorio realmente habitable, sustentable e tolerante.

Esixímolo Aquí e Agora.

<< 1 ... 51 52 53 54 55 56 57 58 59 60 61 ... 78 >>

Quem Somos?

Esta entidade nasce com a ideia de integrar todas aquelas pessoas que, de forma aberta, se quigerem implicar na dinamizaçom deste espaço, que visa organizar iniciativas alternativas que pulem pola transformaçom da realidade em que nos desenvolvemos. + info

gomesgaioso@gmail.com

Biografia Gomes Gaioso

Ferramentas administrativas

Busca

free blog