« Notícia no Xornal de GaliciaA malta da EOI de Lugo opina sobre Entre Línguas »

Notícia em La Voz de Galicia

Notícia em La Voz de Galicia
Escrito em 20-03-2010, na categoria: Notícias

«Entre linguas», vilas de orixe portuguesa que «falan» como os galegos

Autor: Camilo Franco

Hai ata catro casos de territorios próximos á fronteira de Portugal, pero da banda española, nos que se fala unha lingua próxima ao galego. Estudar eses catro casos é o argumento do documental Entre linguas producido por Amén Films e dirixido por Vanessa Vila Verde, Eduardo Maragoto e João Aveledo. O documental exhíbese este luns no CGAI.

Son localidades situadas en Zamora, Salamanca, Cáceres e Badaxoz, a máis coñecida delas Valverde, que acadou certa fama nos oitenta como unha vila estremeña na que se falaba galego. Para Eduardo Maragoto unha das características comúns destes catro territorios son a súa proximidade coa fronteira portuguesa aínda que a idea «divulgada sobre a existencia desas linguas era que foran localidades repoboadas con galegos en tempos antigos». Para os realizadores do documental a idea de partida podería ser outra que gardase relación coa súa proximidade con Portugal. Explica Maragoto que aínda que «o documental non é de tese, cando como nos casos destes territorios unha lingua galego-portuguesa está en contacto co castelán acaba parecéndose ao galego actual».

Segundo os directores desta película estas localidades estudadas, Calabor, Almedilha, Alcántara e Olivenza, teñen en común que nalgún momento da súa historia foron territorio portugués e acabaron sendo territorio español. Neses casos, segundo Maragoto, «a xente seguiu falando portugués, pero a influencia institucional do castelán foi cambiando o seu xeito de falar e foinos levando cara a unha fala que se parece ao galego». Engade que está «tan próximo ao galego que moitos galegos non saberían situalo en canto a procedencia pero non dubidarían de que é galego».

Converxencia lingüística

Para o director non é difícil «chegar á conclusión de que o caso do galego pode gardar semellanzas co caso destas vilas». Engade que é un feito «e non só en Galicia que cando dúas linguas están en contacto hai unha tendencia a converxer cara á lingua que é máis grande, que ten o respaldo institucional». Explica tamén que é fácil para calquera galego comprobar que «nós xa non falamos como os nosos avós».

Sem comentários ainda