« Entrevista no Galicia Hoxe | Notícia em La Voz de Galicia » |
As linguas que agroman na raia
Un filme explora as falas similares ao galego na fronteira entre España e Portugal
"> Ao longo de toda a raia que separa España de Portugal existen pequenos recunchos case galegos. A interrelación entre as falas dos dous estados dá nacemento a dialectos locais que en moito se asemellan á lingua na que se está a escribir esta reportaxe. Dos que caen do lado español da fronteira, en Cáceres, Badaxoz, Salamanca e Zamora, ocúpase o documental Entre linguas, dirixido por João Aveledo, Eduardo Maragoto e Vanesa Vila-Verde, que lle seguiron a pista a estes dialectos raiotos, para documentalos antes da súa desaparición. Poderase ver este luns no CGAI, ás 20.30 horas. Galicia descubriu en 1991 que en Estremadura había xente que falaba algo semellante ao galego, cando o programa Sitio Distinto, que conducía Antón Reixa na TVG, entrevistou por casualidade un camioneiro do Val de Xalma, en Cáceres. O dialecto daquel home espertou a curiosidade nas facultades de filoloxía, e ducias de lingüistas organizaron expedicións a aquel anaco de galeguidade estremeña. ?A explicación que se lle deu dende Galicia á fala do Xalma foi que a zona fora repoboada por colonos galegos durante a Reconquista, e que a súa lingua se mantivera ao longo dos séculos por ser unha zona illada?, comenta o filólogo Eduardo Maragoto como voceiro dos realizadores de Entre linguas. A el e aos seus compañeiros a explicación chocoulles, porque non é a forma na que habitualmente se forman os dialectos fronteirizos, e porque varios lingüistas clásicos, como o portugués Vasconcelos, ?documentaban a existencia doutras falas semellantes nos territorios limítrofes?. Polo tanto, emprenderon a aventura de seguirlles á pista a eses dialectos da raia, e atoparon que se dan en zonas que nalgún momento estiveron baixo o dominio de Portugal, e nas que a a influencia do castelán modificou a fonética, as estruturas lingüísticas e o vocabulario ?todos din ?bueno? e ?vale?, entre outras cousas?. ?Ao final, estes dialectos son moi difíciles de distinguir do galego. Cando un galegofalante os escoita, pensa que lle están a falar na súa lingua?, di Maragoto, e non notará máis diferenzas que alguén de Lugo ao falar con alguén do Morrazo. Ocorre así no Xalma, pero tamén na rexión de Calabor, en Zamora; na Almedilla, en Salamanca; na Alcántara, en Cáceres, e na Olivenza, en Badaxoz. Ocorría tamén na rexión da Bouza, en Salamanca, pero o seu dialecto xa desapareceu, algo que tamén vai camiño de ocorrer nos outros cinco lugares, xa que ?os máis dos falantes son xente de 80 anos?. O recoñecemento destes dialectos complica o sempre tenso debate sobre a relación entre o galego e o portugués, no que os autores de Entre linguas prefiren non tomar partido. ?Só deixamos que fale a xente destes lugares, e que o público saque as súas conclusións?, di Maragoto.De Xalma