« Notícia em gznacion acerca de Entre LínguasNotícia no Xornal de Galicia »

Entrevista no Galicia Hoxe

Entrevista no Galicia Hoxe
Escrito em 23-03-2010, na categoria: Entrevista, Notícias

Link: http://www.galiciahoxe.com/hemeroteca-web/gh/linguas/idEdicion-2010-03-23/idNoticia-528920/

En Zamora, Salamanca, Cáceres e Badaxoz, hai cinco territorios -Calabor, Almedilha, Xalma, Alcántara e Olivença- que por razóns históricas hoxe se atopan do lado español da fronteira pero nos que se fala un dialecto próximo ao galego. Vanessa Vila-Verde, Eduardo Maragoto e João Aveledo viaxaron por estes pobos no documental Entre Linguas que onte se proxectou no CGAI da Coruña.

De Xalma

">

De onde procede o voso interese por abordar este tema?

Vanessa: A primeira información que tivemos era do Val do Xalma, que se deu a coñecer por un programa de Antón Reixa na TVG. O oficialismo elaborou unha teoría para analizar cal era a orixe desas linguas. Nós sabiamos que había máis enclaves en toda a fronteira onde os filólogos falaban que existían dialectos galego-portugueses, que foran portugueses nunha altura e logo pasaran a pertencer a España. Queriamos verificar se a teoría que defendía ese sector era así e que diferencia había entre o Xalma e o resto dos enclaves. Puxémonos a investigar e viaxamos aos lugares para ver que había. Atopamos que era todo moi similar, que non podiamos diferenciar o fenómeno do Xalma do resto das localidades.

Por que se fala galego alí?

João: Son territorios que nalgún momento da súa historia foron portugueses e que logo pasaron a ter soberanía española. Neses territorios o portugués pasa a estar en contacto co español, co cal chega o momento que o fai moi similar ao galego actual. A proximidade é maior conforme máis recuada a pertenza a Portugal estea no tempo. No caso do Xalma, o territorio ten orixe medieval, está isolado xeograficamente por montañas e ten ese superestrato español, e parécese moito ao galego. Iso acontece no Xalma, en Ferreira de Alcántara, na propia Almedilha, aínda que se consideran falantes de portugués.

Que tipo de linguaxe falan?

Eduardo: Varía moito dunha zona para outra. O que fai que eses territorios se parezan moito entre eles a pesar de estaren tan afastados uns dos outros é que contan cun substrato galego-portugués que fai que partan dunha lingua común e todos contan cun superestrato, é dicir, unha lingua que se sobrepón a todos eles, o castelán. Os castelanismos que incorporan ás súas falas son sempre moi semellantes. Todo o que sexa vocabulario relacionado coa vida moderna, coa tecnoloxías, o ensino ou a Administración, compárteno, porque vén do castelán. O resto é basicamente común ao portugués e ao galego.

O voso punto de partida foi o que constatastes ou descubristes unha realidade sociolingüística que non agardabades?

Vanessa: Penso que se constatou. A teoría oficialista defendía que coa Reconquista, os galegos repoboaran ese territorio e por iso, conservaron a fala galega. Nós pensabamos que todos parten dun mesmo tronco, o portugués, e que existe unha lingua por enriba, o español, que é o que fai que esas falas conflúan co galego.

João: Encontramos fenómenos lingüísticos tan peculiares e tan presuntamente galegos como a gheada en case todos os territorios. En Olivença, que foi portugués até 1901 que foi ocupada por España, atopamos que din palabras como ghaliña.

A transmisión xeracional desta lingua está rota?

João: Si, excepto no Xalma, onde aínda existe transmisión de pais a fillos. No resto, a transmisión perdeu xa cincuenta ou sesenta anos. Até hai sitios como Almedilha que as persoas que o falan pasan todas de oitenta anos. Neses lugares, esta variedade lingüística desaparecerá en moi pouco tempo.

O castelán influíu nesa perda?

João: O determinante foi a escola en castelán. Primeiro fórmanse individuos bilingües que logo pasan a falarlles só ós fillos en castelán porque é a lingua de prestixio. En moitos destes territorios, á súa lingua chámanlle "chapurrao", porque na escola mesmo os castigaban fisicamente se falaban así, como pasaba aquí.

Cal é o obxectivo do documental?

Eduardo: Pretendemos dialogar co público, para que vexa o documental en relación co fenómeno do contacto entre linguas e as semellanzas que existen entre cada un deses territorios e o caso galego: de aí que atopemos os fenómenos de castelanización. En segundo lugar, temos intención de documentar falas que están no límite da existencia, que ao mellor en dez ou quince anos desaparezan. De feito, nun deles, na provincia de Salamanca, na Bouza, pois había seis territorios en lugar de cinco, xa desapareceu. O mesmo acontecerá con todos eles. Ademais, na zona de Olivença, hai un conflito político con España e nótase un certo autoodio.

O DECRETO

"Temos un idioma internacional"

Que pensades do que está a acontecer co decreto do galego no ensino?

Vanessa: Nós partimos da premisa de que o galego é unha lingua internacional. Queremos incidir en deixar de limitar o galego á comunidade autónoma de Galicia. Partindo diso, pouco podemos dicir das políticas que se estean facendo porque xa de partida non concordamos moito coa visión que se poida dar do galego.

Eduardo: Queremos educar os galegos en teren unha perspectiva máis ampla do que é o galego.

Sem comentários ainda