Convocada para hoxe unha xuntanza no Ateneo Ferrolán, para a constitución, a nivel comarcal, da Plataforma "Queremos Galego"

Convocada para hoxe unha xuntanza no Ateneo Ferrolán, para a constitución, a nivel comarcal, da Plataforma "Queremos Galego"

Hoxe, xoves 17 de Setembro no local do Ateneo Ferrolán ás 8 da Tarde coa intención de conformar, a nivel da comarca de Ferrol, a plataforma social en defensa da lingua: "Queremos Galego".

O que segue é o manifesto de constitución a nivel nacional:

Queremos Galego
Ampla plataforma social en defensa da nosa lingua
14.07.2009

Por que?

Atopámonos nunha verdadeira situación de emerxencia no que á situación do galego se refire: o goberno do Partido Popular, co importante apoio de grandes poderes fácticos, está embarcado nunha auténtica guerra contra o noso principal elemento de cohesión como pobo; xa non só no discurso, mais tamén a través de iniciativas concretas: supresión do artigo 35 da Lei da Función Pública, consulta fraudulenta sobre o uso do galego no ensino ás familias, anuncio de derrogación do decreto 124/07?

O pasado 17 de maio máis de 50.000 persoas percorreron as rúas de Santiago de Compostela, na máis multitudinaria das manifestacións en favor do noso idioma propio que se recorde, pedíndolle a Alberto Núñez Feijóo que el e o seu goberno se apropien de vez do galego; que, mentres o Presidente da Xunta divide e dificulta a convivencia, o galego une e cohesiona a toda a sociedade.

A convocatoria de dita manifestación foi organizativamente asumida pola Mesa, como vén acontecendo desde hai xa anos, porén esta asociación é moi conscientes de que non estivo soa nas rúas baixo a chuvia: os máis de 680 apoios colectivos expresados, a través do Manifesto a prol da convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego, así o evidencian, ben como as máis de 26.000 sinaturas individuais xa recollidas.

Lonxe de se deter, a necesidade de actuar socialmente a prol do galego continuou após o 17 de maio e, felizmente, continúa. Coa posición unitaria da amplísima maioría das entidades representativas da comunidade educativa galega contra os plans de demolición do goberno da Xunta e a consulta trampa ás familias promovida desde este para tentar xustificar a súa medida. Aínda recentemente, con novas iniciativas sociais, quer colectivas quer desde posicións individuais, sen dúbida moi interesantes e que fan ver que somos moitas e moitos os que queremos a nosa lingua propia.

Neste excepcional momento, ateigado de perigos, mais tamén con oportunidades, os tempos son chegados e faixe necesaria a creación dunha ampla plataforma cidadá, o máis ampla e representativa posíbel, que sexa quen de canalizar iniciativas de traballo concretas a prol da lingua e, ao tempo, converterse en referente de amplos sectores da cidadanía. Unha estrutura para a que se colle o nome Queremos Galego, que sirve como punto de encontro; como camiño común cara a un obxectivo que a todas e a todos nos afecta e implica: a lingua; como espazo colectivo no que poidan converxer as diferentes iniciativas sociais xa publicamente formuladas e mais todas aquelas que no sucesivo puideren surxir.

Como?

Para facilitar a activación e viabilidade organizativa dunha plataforma social que sexa todo o ampla posíbel, e que mesmo fique aberta para que en calquera momento se poidan incorporar novas entidades e persoas a nivel individual, aqueles colectivos e persoas dispostos a adheriren a Queremos Galego pasan a facer parte dun Plenario que, por súa vez, escolle unha Comisión Xestora Nacional, encargada das tarefas de coordenación xeral da plataforma e do funcionamento executivo. É o Plenario quen acorda os criterios de funcionamento e composición de aquela, así como da plataforma en xeral.

Seguindo o exemplo de Nunca Máis, articúlase a plataforma a nivel das diferentes comarcas do país, de xeito que nese chanzo poidan participar máis activamente entidades locais e comarcais de todo tipo.

Queremos Galego contará cunha serie de portavoces públicas/os, persoas relevantes de diferentes ámbitos da vida social, encargadas/os de falaren en nome da plataforma e que poderían integrar a Comisión Xestora da maneira en que determinar o Plenario. Hai portavoces a nivel nacional e tamén a nivel comarcal.

Para que?

Calquera iniciativa colectiva que se constituír debe ir directamente ligada a propostas concretas de traballo, viábeis organizativamente e socialmente útiles pola funcionalidade que poden ter á hora de transmitir á sociedade un discurso favorábel á nosa lingua propia. É por iso que se articula o traballo concreto da plataforma arredor do apoio e difusión dunha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) en defensa dos usos públicos do galego. Unha proposta lexislativa que blinda os dereitos lingüísticos das galegas e galegos e garante o uso público por parte das diferentes administracións.

O impulso e difusión dunha ILP ten unha serie de implicacións, económicas e de traballo, que as entidades que conforman a plataforma Queremos Galego asumen, cada unha en función das súas posibilidades, para que a propia iniciativa vaia adiante.

O dereito á Iniciativa Lexislativa Popular está recollido no art. 87 da Constitución española e regulado pola lei galega 1/1988, que estabelece as condicións para o exercer así como os mecanismos a seguir.

Unha Comisión Promotora, composta por un mínimo de 15 persoas individuais, maiores de idade e censuadas nalgunha das catro circunscricións electorais de Galiza, faille chegar á Mesa do Parlamento unha proposta de texto legal articulado, o cal ten que cumprir unha serie de condicións para que esta admita a trámite a petición. Caso afirmativo, a dita Comisión Promotora ten un período de 4 meses (prorrogábeis por outros tres, se houber causa xustificada), a iniciar ao día seguinte da comunicación oficial, para recoller un mínimo de 15.000 sinaturas válidas, cifra imprescindíbel para a ILP ser considerada válida, entre cidadás e cidadáns maiores de idade, censuados nalgunha das catro provincias. As sinaturas, que deben conter datos persoais que coincidan literalmente cos do censo, terán que ir en pregos validados pola Xunta Electoral e serán logo autenticadas, unha a unha, diante deste mesmo organismo.

A Comisión Promotora poderá nomear persoas fedatarias, responsabilizadas da custodia e xestión dun determinado número de pregos de sinaturas, as cales terán que responsabilizarse da autenticidade dos apoios achegados perante a Xunta Electoral.

De concluír correctamente o proceso, o Parlamento publicará e aceptará a trámite a ILP, porén pode tomala en consideración ou non. Caso de acordo favorábel, a ILP seguiría o seu trámite parlamentar como unha lei común.

Artigo extraído do Colectivo Ártabra 21

Escrito em 17-09-09, na categoria: Ferrol fala galego
Chuza!

Ainda sem comentários


Busca


Julho 2020
Seg Ter Qua Qui Sex Sab Dom
 << <   > >>
    1 2 3 4 5
6 7 8 9 10 11 12
13 14 15 16 17 18 19
20 21 22 23 24 25 26
27 28 29 30 31    

  Feeds XML

powered by b2evolution