Os Clubs de Narrativa e Lectura en Galego regresan hoxe á Biblioteca Municipal coas obras de autores como Francisco Ayala, Espido Freire ou Xabier Quiroga

Os Clubs de Narrativa e Lectura en Galego regresan hoxe á Biblioteca Municipal coas obras de autores como Francisco Ayala, Espido Freire ou Xabier Quiroga

A concelleira de Cultura, Mercedes Carbajales, anunciou que a Biblioteca Municipal da Praza de España retomará hoxe mércores, o Club de Narrativa e o Club de Lectura en Galego. O seu obxectivo, tal e como subliñou, é incentivar a afección pola lectura, afondar e coñecer as obras narrativas de recoñecidos escritores galegos e internacionais, ao tempo que se fomenta a súa lectura e mesmo o diálogo entre os participantes. En ambos os dous casos, as actividades son gratuítas.

Respecto ao Club de Narrativa, avanzou que as sesións estarán coordinadas por Aurora Varela e celebraranse en mercores alternos en horario de 18.00 a 19.30. O número de prazas -vinte- están xa cubertas, tal e como indicou a edil, e mesmo hai xa listaxe de agarda. Aínda así, animou ás persoas interesadas neste Club a inscribirse por se algún dos asistentes deixa de asistir á actividade.

O dito Club iniciarase coa lectura de “Cerca del corazón salvaje”, de Clarice Lispector, e continuará con outras obras de autores destacados como “El maestro de almas”, de Irene Nemirovski; “El polizón de Ulises”, de Ana María Matute, “Bartleby y compañía”, de Enrique Vila-Matas; “Los usurpadores”, de Francisco Ayala; “La noche del oráculo”, de Paul Auster; “Nos espera la noche”, de Laura Espido Freire e “La soledad de los números primos”, de Paolo Giordano. A estes títulos iranse sumando outros a medida que se vai desenvolvendo o Club de Narrativa.

Por outra banda, e en relación ao Club de Lectura en Galego, Mercedes Carbajales anunciou esta mañá que novamente as sesións estarán coordinadas polo escritor ferrolán Henrique Dacosta e se celebrarán os mércores en horario de 19.00 a 20.30 horas na Sala Audiovisual -será unha sesión ao mes agás en xaneiro, no que están programadas dúas-. Así, os interesados en participar no dito Club poderán acudir este mércores ás instalacións municipais e participar na primeira lectura: “O cabo do mundo”, do escritor Xabier Quiroga.

A entrada para participar nestas sesións é libre e gratuíta, aínda que é necesario inscribirse previamente no mostrador da Biblioteca, ubicado na pranta baixa. A este respecto, a edil de Cultura anunciou que hai 12 prazas libres, polo que animou aos cidadáns e cidadás a achegarse ata a Biblioteca e anotarse neste Club de Lectura en Galego, dirixido á poboación adulta. Así, os asistentes poderán analizar e afondar en obras narrativas de destacados autores como Suso de Toro, Antón Riveiro Coello ou Ivo Andric, escritor bosnio que no ano 1961 recibiu o Premio Nobel de Literatura.

Neste caso, as sesións desenvolveranse os días 12 e 26 de xaneiro, 16 de febreiro, 16 de marzo, 13 de abril, 11 de maio e 8 de xuño e nelas os asistentes traballarán coas seguintes obras literarias: “O cabo do mundo”, de Xabier Quiroga; “Unha mada de 12 relatos” e “O prezo da tentación”, de Henrique Dacosta; “Calzados Lola”, de Suso de Toro; “A medición do mundo”, do alemán Daniel Kehlmann; “A ponte sobre o Drina”, de Ivo Andric; “As rulas de Bakunin”, de Antón Riveiro Coello; e “Expediente Artieda”, de Luis Rei Núñez.

Escrito em 12-01-11, na categoria: Com nome próprio
Chuza!

Busca


Maio 2012
Seg Ter Qua Qui Sex Sab Dom
 << <   > >>
  1 2 3 4 5 6
7 8 9 10 11 12 13
14 15 16 17 18 19 20
21 22 23 24 25 26 27
28 29 30 31      

Feeds XML

powered by b2evolution