Nace a iniciativa popular SOMOS GALEGO

Nace a iniciativa popular SOMOS GALEGO

SOMOS GALEGO apreséntase publicamente cun manifesto aberto á adhesión das persoas e colectivos que o desexaren

Mércores 2 de febreiro

Nesta mañá deuse a coñecer a existencia da iniciativa popular Somos Galego, promovida por un grupo de persoas preocupadas pola situación de desprotección e agresión que sofre a lingua do País e pola regresión no ámbito da normalización da man das políticas lingüísticas da Xunta.

Segundo a testemuña desta iniciativa Somos Galego ?tamén quere mostrar a súa preocupación polo tratamento omisivo, criminalizador e represivo que teñen padecido e padecen axentes normalizadores ou simples galegos e galegas por participaren en actos ou mobilizacións a prol do galego?. Neste sentido, aseguran, ?Somos Galego solidarízase con todas aquelas persoas que enfrontaron ou enfrontan sancións administrativas ou procesos xudiciais e manifesta o seu apoio a todas aquelas inciativas solidarias neste eido?.

O manifesto fundacional desta iniciativa chama ao sobresemento dos procesos xudiciais abertos contra os defensores e defensoras do idioma e á retirada das sancións, á desactivación dos dispositivos de violencia policial así como á depuración de responsabilidades políticas nas agresións exercidas polos corpos represivos do estado. Finalmente esixen da Administración Galega o cumplimento das obrigas en materia de normalización e aseguran que estas ?non só foron abandonadas, senón vulneradas conscientemente no marco dunha acción lexislativa que inverte o proceso de normalización linguu ística?.

O seu manifesto, aberto á adhesión, pódese consultar no blogue http://somosgalego.blogaliza.org/ e asinar a través do correo ipsomosgalego@gmail.com por todas aquelas persoas e colectivos que así o desexen.

Dende SOMOS GALEGO chaman a ?participar este xoves, día 3, e o venres, día 4, nas concentracións solidarias coas dúas persoas ás que o Xulgado do Penal de Vigo lles pide penas de prisión que suman máis de 8 anos, acusados de, supostamente, teren agredido aos policías antidisturbios que atacaron de xeito violento unha concentración pacífica contra un acto do colectivo supremacista Galicia Bilingüe en febreiro de 2008?.

Adhire o noso manifesto: http://somosgalego.blogaliza.org/

Contacta connosco: ipsomosgalego@gmail.com

Manifesto contra a represión lingüística

Os primeiros anos deste novo século serviron para que a ultradereita española, representada polo Partido Popular, propiciase o nacemento e expansión dun discurso contra dos dereitos colectivos das nacións periféricas integradas no Estado Español, que é de seu un ataque estrutural á propia existencia destas. Un dos dereitos que máis turba ao nacionalismo español de nova planta é o de toda unha colectividade a desenvolverse en todas as instancias e niveis da vida social no seu idioma, o que representa o principal síntoma dunha identidade en resistencia e construción permanente, mais xa madura, logo dun proceso de formación no que importaron moito os esforzos de moitas xeracións e que atravesou os contextos políticos e sociais máis adversos.

Este discurso, novo en aparencia, acumula o herdo do totalitarismo lingüístico, e foi reforzado por diferentes expropiacións de conceptos que historicamente pertencen ás expresións da esquerda xenuína, como é o propio termo ?liberdade?. Isto garantiulles certo grao de aceptación no medio social, que se veu amparado no compromiso dos mass media con este tipo de expresións propias do centralismo. Amais o goberno galego, tomado polo Partido Popular hoxe, agocha baixo a cortina de fume da ?austeridade fronte á crise? un programa de desartellamento da nación galega que se asenta na máxima colonial do ?desenraizamento? para poder perpetuar a dominación do centro colonialista sobre territorios cultural, social, política e economicamente diferenciados, como é o caso do noso País.

Neste escenario, unha necesidade partillada polas forzas que alternan as butacas en Madrid é a de reprimir e aniquilar as expresións contestatarias que están a defender a lingua nacional fronte a aqueles actos e manifestacións que, baixo unha retórica formalmente democrática, están cargados de violencia simbólica e real. Este é o caso dos eventos pola ?libertad lingüística? ou para ben dicir, contra a normalización da lingua galega e a propia lexislación que debería garantir esta, que comprometen un regreso ao vello escenario de marxinalidade lingüística para o galego. Garanten a posición de dominación da lingua castelá coa estratexia de presentala como ?lengua común?, e non son senón, polo seu carácter de expresións dunha minoría social creada, referendada e amplificada polos medios de desinformación e o poder, un erro máis, unha mostra máis do fracaso do programa asimilador do nacionalismo español.

A represión resólvese como unha peza chave nesta dirección. Dende hai un lustro, a coordinación de manobras das forzas institucionais que se autolexitiman nestas minoritarias expresións sociais, viuse acompañada da activación dos mecanismos de represión xurídico-política ou xurídico-policial que acompasan os diferentes momentos políticos de agresión aos dereitos colectivos destas nacións sen estado. Así, os procedementos xudiciais abertos contra entidades normalizadoras, as sancións administrativas e penais contra os individuos e colectivos sociais (véxanse o famoso caso do ?L? na Coruña ou do expediente sancionador do concello compostelán contra a faixa da Gentalha do Pichel), sumados ao circo de violencia policial nas concentracións en defensa da lingua, son unha proba clarificadora do cotián deste embate contra o idioma.

Por iso, e á vista dos diferentes procedementos civís, administrativos e penais abertos contra activistas comprometidos e comprometidas coa lingua, das diferentes ameazas de sanción económica e mesmo prisión, ou da asfixia económica e xudicial á que están a someter a diversas entidades sociais, os colectivos que adherimos este manifesto como unha posición común fronte á miseria do nacionalismo, español,

ESIXIMOS:

1. O sobresemento dos procesos xudiciais abertos contra todas as persoas, colectivos e entidades polo feito de desenvolver un traballo coherente en defensa do idioma.

2. A retirada de todas aquelas sancións que a día de hoxe son efectivas contra asociacións ou individuos, impostas arbitraria e desproporcionadamente como mecanismo de represión e silenciamento.

3. A desactivación dos dispositivos de violencia policial artellados arredor das iniciativas en defensa da lingua, do mesmo modo desproporcionados e gratuítos, encamiñados a criminalizar este tipo de iniciativas, atemorizar a poboación, coartar a liberdade de expresión e impor o discurso único.

4. A depuración de responsabilidades políticas e administrativas con respecto a estas mostras de agresión.

5. O cumprimento, por parte da Administración galega, das súas obrigas legais en materia de normalización lingüística, que non só foron abandonadas, senón vulneradas conscientemente no marco dunha acción lexislativa que inverte o proceso de normalización lingüística posto en marcha dende a aprobación da Lei 3/1983 de 15 de xuño de Normalización Lingüística, e a restauración dunha legalidade xa en por si deficitaria.

Ao tempo, queremos manifestar o noso apoio a todas aquelas iniciativas solidarias coas persoas e colectivos que sofren estas prácticas represivas, e a nosa disposición para continuarmos no camiño da loita polo idioma, que, malia ser molesto para as autoridades, é o único que pode garantir a supervivencia da nosa lingua.

Na Terra, xaneiro de 2010

Escrito em 02-02-11, na categoria: Com nome próprio
Chuza!

Ainda sem comentários


Busca


Dezembro 2024
Seg Ter Qua Qui Sex Sab Dom
 << <   > >>
            1
2 3 4 5 6 7 8
9 10 11 12 13 14 15
16 17 18 19 20 21 22
23 24 25 26 27 28 29
30 31          

  Feeds XML

powered by b2evolution free blog software