A Xunta ordena o peche de Flocos.tv, unha plataforma herdada do Goberno bipartito que fora recoñecida por almacenar e pór en valor o acervo audiovisual
Captura da web Flocos.tv, que mostra un filme con Luís Tosar.Malos tempos para o audiovisual galego. Tras o peche do Onda Curta, un programa da TVG no que se proxectaban curtametraxes de realizadores do país, chegoulle a hora a flocos.tv, unha filmoteca online gratuíta que ofrecía gran parte da produción cinematográfica de Galicia.
Pioneira no seu xénero xunto a webs como Filmin ?neste caso, de pago? e impulsada polo Goberno bipartito, o proxecto da tamén desaparecida Axencia Audiovisual Galega naceu a finais de 2008 co propósito de almacenar e difundir a través de Internet curtos e longametraxes de factura galega, pero a chegada do conservador Alberto Núñez Feijóo á Xunta deixou a web á deriva durante un par de anos, ata que finalmente terminou por afundirse debido á desidia gobernamental.
"Cando pechou a Axencia Audiovisual Galega, no verán de 2009, deixaron de pagarnos o mantemento", explica María Yáñez, responsable de contidos da Navalla Suíza, a empresa que desenvolveu o portal. Cesou entón a actividade rutineira que supuña dixitalizar os filmes, subilos á web e actualizar os contidos. "Tiñamos 300 pezas en cola", recorda Yáñez, cuxa empresa botou onte o cadeado a flocos.tv por orde de Agadic, con cuxos responsables non foi posible contactar a pasada noite para ofrecer a súa versión dos feitos.
A Xunta demostrou "desinterese", pero tamén "falta de estratexia" audiovisual Este organismo da Consellería de Cultura, do que pasara a depender o proxecto, limitouse a pagar o dominio e o servidor ata que, co envío da última factura, optou por cancelar a web, que agora redirecciona á propia Agadic. Unha decisión, segundo Yáñez, que obedece á "ausencia de política audiovisual" da Xunta e á súa "falta de estratexia" na materia, que á súa vez reflicte un "desinterese" por unha iniciativa exemplar no seu xénero.
Así o considerou no seu día o xurado dos premios Mestre Mateo, que lle concedeu en 2008 o galardón á mellor obra interactiva, ou a revista Cahiers du Cinema, que lle dedicou unha reseña. Por non falar dos usuarios do montón, que tiñan á súa disposición un videoclub gratuíto con decenas de títulos, e dos propios creadores, que ven desaparecer unha plataforma para a difusión en alta calidade das súas obras.
Escrito em 01-03-11,
na categoria: Com nome próprio
|
Seg | Ter | Qua | Qui | Sex | Sab | Dom |
---|---|---|---|---|---|---|
<< < | > >> | |||||
1 | ||||||
2 | 3 | 4 | 5 | 6 | 7 | 8 |
9 | 10 | 11 | 12 | 13 | 14 | 15 |
16 | 17 | 18 | 19 | 20 | 21 | 22 |
23 | 24 | 25 | 26 | 27 | 28 | 29 |
30 | 31 |