Associa-te

    Palestina livre

    LNB 24/25

    Outro Garañón...

    Apoia-nos

    Audios

    Revista A Malha Nº 2

    Revista A Malha Nº 1

        Busca

      ENTREVISTA À MASA CRITICA DE LUGO

      ENTREVISTA À MASA CRITICA DE LUGO

      08-01-11

      Publicamos na nosa sección de formación a entrevista á Masa Crítica de Lugo que apareceu no 2º número da revista do centro social.

      Pode ser só unha impresión, ou se cadra só un desexo, mas o uso da bicicleta como medio de transporte en Lugo parece que está a medrar. Sen dúbida parte de culpa de todo iso a ten a Masa Crítica de Lugo como grupo de persoas que reivindican o espazo que a bici merece. Falamos con Santi Quiroga, un dos seus membros, que respostou a unhas preguntas que lle fixemos.

      Cando xorde a Masa Crítica aquí na cidade de Lugo? Masa Crítica é unha "coincidencia organizada" de ciclousuarios que realizan un paseo colectivo pola cidade. Este evento celébrase mensualmente en moitísimas cidades de todo o mundo, entre elas Lugo, baixo o lema "pedalea todos os dias, celébrao unha vez ao mes". A masa crítica é un movimento descentralizado, actuando a proposta de calquera dos seus participantes.
      Este movimento sobre rodas agroma na nosa cidade a raíz da celebración da I Masa Crítica Galega. Tres rapaces de Lugo decidimos publicar un blogue (masacriticalugo.blogspot.com) e comezamos a xuntarnos os últimos xoves de mes, ás 20:15 na Pza. Maior. Á primeira masa asistiron unhas 15 persoas e, case dous anos depois, adoitan asistir unha media de 30 persoas.

      Que fins persegue?

      Entre os obxectivos da nosa Masa sobre rodas podemos destacar:
      -Divulgar e promover o uso da bicicleta como medio de transporte eficaz (barato, san, non contaminante e rápido)
      -Crear condicións favorables necesárias para o uso da bici como medio de transporte.
      -Promocionar e apoiar paralelamente outros medios de transporte alternativos ao coche privado, asi como pormover a súa compatibilidade e complementariedade coa bicicleta.(ex. transporte público)

      Cal é a respota das e dos lucenses?

      A meirande parte dos lucenses non conciben a bici como medio de tranporte eficaz para a vida cotiá, senón como unha mera ferramenta para o tempo de lecer. Un dos obxectivos máis importantes da MC é proxectar á cidadanía a eficacia e eficiencia deste medio de transporte. A bicicleta é, con moito, e malia o seu inmerecido ostracismo, o vehículo máis eficiente e mellor adaptado á mobilidade urbana. A grande maioria dos desprazamentos urbanos en Lugo non superan os 10 quilómetros, unha distáncia perfectamente asumible por un ciclista.
      Os condutores posúen unha nefasta educación viaria que padecen tanto os peóns, que arriscan a vida cada vez que cruzan un paso de peóns, como os ciclousuarios/as que teñen que aguantar bucinazos e improperios de autómatas ao volante que loitan encarnizadamentepor pasar o semáforo en verde.

      Que conexión ten con iniciativas similares a nivel mundial?

      A masa crítica comezou en San Francisco (Estados Unidos) no ano 1992 a partir dunha xuntanza da SF Bike Coalition, Chris Carlsson propuxo que posto que había moita gente pedaleando polo centro e as condicións para facelo eran realmente malas deberían quedar unha vez ao mes para ir todos xuntos. A idea aceptouse rapidamente, na primeira "quedada" xuntáronse 60 e logo dun ano eran máis de 600 e o movemento foi estendéndose a outras cidades de todo o mundo, chegando a Lugo no ano 2008.
      A masa crítica propón a priori unha nimiedade, que cada un de nós utilice a bici todos os días, mais a súa proxección a nivel mundial provocaría unha reformulación da organización actual das cidades, xa non serían espazos inhumanos infestados de fume e ruido, senón comunidades abertas e humanas, respetuosas co medio e co devir da nosa terra.

      Cales son os atrancos que atopan os que utilizan a bicicleta como medio de transporte habitual en Lugo?

      O goberno local deberá avogar claramente por un plan de mobilidade no que o automóbil privado non sexa a única alternativa. Como moito, anúncianse plans de fomento do transporte público e, ao final do documento,faise unha breve mención da bicicleta, sen plans nin compromisos concretos, nin moito menos un presuposto minimamente digno, quizais para cumprir sobre o papel con algún compromiso político adquirido nalgún foro nacional ou internacional, como a Carta de Aalborg ou a Semana Europea da Mobilidade.
      Os ciclousuarios lucenses carecemos de aparcadoiros fronte a polideportivos, colexios,centros culturais, a estación de buses..., malia que só sexa un simple enganche de metal. Ademais, para que o ciclismo non sexa unha actividade de risco, precísanse campañas de educación viaria para conductores de automóbiles, motocicletas, ciclousuarios e peóns, para que entre todos sexamos capaces de transformar Lugo para mellor, respectarnos uns a outros e utilizar as bicis con seguridade.
      Outro punto negro no plan de mobilidade é o transporte público; é lóxico que a cidadanía lucense non use un servizo tan deficitario en canto á frecuencia de paradas e itinerarios moi restrinxidos xeográficamente. O concello debería avogar polo transporte público, así promover a súa compatibilidade e complementariedade coa bicicleta.

      A favor ou en contra do carril bici?

      Eiquí topamos cun tema sobre o que hai opinións moi heteroxéneas. Ao meu xuizo, coido que o carril-bici urbano responde a unha formulación anticuada e en interdito: a crenza de que convén segregar aos ciclistas do tráfico que circula pola mesma vía, lexitimando a inconvivencia no espazo público e as altas velocidades do tráfico motorizado.
      É un erro crer que circular polo carril-bici é máis seguro que pola calzada: entre outras cousas porque diminúe a atención do automobilista cara á posible presenza de ciclistas na calzada e elimina a percepción dos ciclistas ante o inerente risco do tráfico co que inevitablemente teñen que interactuar. a segregación dá unha falsa sensación de seguridade ao ciclista a miúdo a custa da súa seguridade real, á vez que introduce novos perigos en cada cruzamento, cun resultado desastroso para a seguridade ciclista.
      O carril-bici é algo perigoso, incómodo, obsoleto e caro, que empeora as condicións para o ciclismo urbano.Non é sostible nen contribúe á diminución do uso do coche. Non promove en absoluto o cumprimento das normas ao tráfico motorizado, reforzando canto menos a súa agresividade. En centros urbanos compactos prexudica o espazo do peón, deteriora beirarúas, parques e zonas verdes, xerando conflitos onde non existían e por riba limita a nosa liberdade: en Barcelona, Sevilla e Donosti prohibiron que os ciclistas circulemos pola calzada nas rúas onde existe un carril-bici.
      Non necesitamos "redes ciclitas", senón rúas seguras e condutores cívicos. Non necesitamos carrís-bici, senón unha cidade permeable á bicicleta. Non á violación tolerada do límite de velocidade máximo en cidade. Si á formación viaria alicerzada en información obxectiva sobre os beneficios da bicicleta en troques de fomentar un medo inxustificado a ir en bicicleta esperando a construcción de infraestruturas.

      Cando é a próxima cita?
      A próxima cita é permanente no devir do tempo, todos os últimos xoves de mes, ás 20:15 na Pza. Maior de Lugo.

      Escrito ?s 12:32:52 nas castegorias: actividades
      por SCMadiaLeva   , 1109 palavras, 1186 views     Chuza!

      Endereço de trackback para este post

      Trackback URL (clique direito e copie atalho/localização do link)

      Ainda sem comentários

        madialeva.gz@gmail.com
        Rua Serra de Ancares 18
        Horário
        De segundas-feiras (luns) a sextas-feiras (venres) de 19h30 a 22h30
        CIF:G-27360825
          multiple blogs