Dentro da programación que a Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Ferrol de-señou para conmemorar o Día das Letras Galegas atópanse os obradoiros de portugués simple, unha actividade solicitada por un total de seis centros educativos da cidade con ensinanzas de Secundaria. Onte, a proposta chegou ao IES Ricardo Carballo Calero logo de pasar o martes polo CPR Jesús Maestro e o Saturnino Montojo.
Dous monitores foron os encargados de introducir aos alumnos de 1º de Bacharelato na ?sexta lingua máis falada no mundo, oficial en catro continentes e 8 países, entre eles Brasil, unha potencia emerxente?, segundo se informa na propia actividade.
A actividade, desenvolvida baixo o título ?Ops, a lingua é a nosa vantaxe?, ten entre os seus obxectivos amosar ao alumnado que o galego ?é unha entrada privilexiada para acceder ao mundo en portugués?.
Estes obradoiros forman parte dun programa máis amplo, presentado a semana pasada polo goberno ferrolán e que inclúe diferentes propostas, a meirande parte desenvolvidas en colaboración coa Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra.