Caneiro, fílias e fóbias
Estimado director: o motivo desta carta é o de mostrarlle o meu desagrado polo trato que se lle está dando por parte do semanário que vostede dirixe ao escritor Xosé Carlos Caneiro. Desde que este escritor galego empezou a publicar libros, mantívose unha postura de ignoráncia con respecto a el, por parte do seu xornal, pero o trato que se lle dá con motivo dos últimos prémios que lle foron concedidos paréceme o colmo. Na mini entrevista que se lle fai, como por compromiso, entrevese unha pergunta tendenciosa sobre o acaparamento de prémios, e para coroar a história o señor Suso Sanmartin apreséntanos unha caricatura lamentável. É que acaso non hai neste país a quen caricaturizar deste xeito sen ser aos nosos escritores? É que non temos de sobra quen nos desprestíxie sen facelo nós mesmos? Ou será que a envexa non nos permite ser obxectivos?
Non son crítica literária, por eso non xulgo aqui a obra de Caneiro. Eso correspóndelle facelo a outros e, por certo, creo que xa o están facendo. Non son escritora, nen xornalista, nen ninguén importante. Quen son eu, entón, para atreverme a dar a miña opinión? Son unha muller calquer deste país, pero tamén unha nacionalista que por ideoloxia e por coeréncia cos meus principios axudei na medida das miñas posibilidades a que este xornal saíse para diante, facendo subscritores ao comenzo, axudando económicamente cando foi necesario e sendo subscritora até o dia de hoxe, porque considero que debo apoiar un médio que se autodenomina nacionalista e que está na mesma liña que podo estar eu. Por esto me sinto lexitimada a dirixirme a vostede.
E por que me atrevo a falar de Caneiro? Pois porque sei que Caneiro é un nacionalista galego e como tal se ten identificado en numerosas ocasións publicamente, cousa que lle ten traído problemas moitas veces con aqueles que ódian todo o que cheire a nacionalismo, e que sabemos moi ben quen son. Que ataquen a Caneiro os xornais de dereitas antigalegos é algo que todos podemos entender, pero que o faga un xornal nacionalista que teoricamente deberia, cando menos defender aos nacionalistas, paréceme incríbel. Resulta chocante, ademais, que neste caso non se critica (ou se ridiculiza) por ser ou non nacionalista, senón porque lle dan prémios; inaudito. Por certo, quero aclarar que polo de agora Caneiro escrebe exclusivamente no noso idioma, o galego.
Son subscritora de A Nosa Terra, pero quizás me tiña que dar de baixa e suscribirme a La Región, porque polo menos sei de que van e non me levaria estas decepcións.
Para rematar permítame dicerlle que penso que a función de A Nosa Terra non é machacar aos nacionalistas, eso sobra no país quen o faga. Ou non? Creo que o que ten que facer este xornal é ser coerente cos seus princípios e non permitir que algunhas persoas utilicen este médio para mostrar as suas fóbias (ou debo dicer envexas?) persoais. Demostra moi pouca profisionalidade.
ROSA DE LA PARRA MARTÍNEZ
Caricatura de Caneiro
?Acaparateurdeprix é o vate. As opinións sobre o seu talento estam divididas: el (e máis a crítica) pensan que é genial e os demais (o público) que é inaturável?, di o caricaturista de letra miúda do Caneiro nestas mesmas páxinas. Unhas páxinas máis adiante, Xurxo Borrazás, un autor ao que tamén paga a pena ler, declara que nunca se apresentou a nengun prémio. É dicer, que hai autores como o Caneiro que papan todos os prémios e autores que non saben o que é para sentar a un prémio [sic]. A Luís Rei Núñez, o último prémio Xerais de novela, pergúntalle se se apresenta a moitos prémios e responde que ?un non escrebe para receber prémios, senón para gañar leitores para a sua causa solitária?. A causa solitária dos escritores: toda unha chamada de atención.
Os prémios non melloran nen deixan de mellorar a obra dun autor. Pobre do que lea unha obra polo prémio que lle deron e máis pobre ainda se a comprou por aquilo de que levou un prémio e logo non a le. A calidade dunha obra vai por diante dos prémios que lle podan dar ou non dar. Caneiro ten gañado moitos prémios e non vexo eu que ocupe o número un da lista dos mais vendidos. ?Créase ou non, di Arturo Lezcano, os galardóns non lle acrecentan calidade ao Caneiro, o que non quer dicer que non lle cadrasen redondos?. Acaparar todos os prémios para que logo non me lean, debe pensar o Caneiro. Deixémonos de trapalladas, os que acaparan os prémios de verdade todos sabemos quen son, pois como dixo o Ferrín: ?Antes da parte do PSOE e agora tamén hai escritores favorecidos ?xeralmente, os mesmos- polo PP?. A non ser para eses, escreber en Galiza é berrar no deserto e morrer de fame. Non sei a que espera A Nosa Terra para facerlle unha entrevista ao Acaparateurdeprix onde nos explique todo isto e moito mais.
Caneiro vive en Verin/Ébora entregado afervoadamente à composición da sua obra ebórica, lonxe do estrépito fulgurante de tanta cova céltica como existe no país que renega do seu e gaba o alleo. País que renega do seu e gaba o alleo: eis a chave de tantos asuntos que nos estragan. Cando saia publicado Ébora, xa falaremos se é ?genial? ou non é ?genial?. En calquer caso, tanto se falamos como se non falamos, que esas cousas dependen do gosto e dos intereses literários de cada quen, o que non poderemos evitar é que Ébora fale por nós, nen que a literatura galega, ou a literatura en xeral, sexa un chisco máis importante ainda. Claro que haberá quen insista no de ?inaturável?. Sempre houvo preguiceiros que prefiren fecharse no tópico para non teren que recoñecer a valia dunha obra. Fora prémios, ao mellor a fama de ?inaturável? venlle por non ser bolboreta de cenáculos. Bolboretear, un verbo de éxito. Ou pola sua condición de artista solitário. Quen sabe.
Non é nengun segredo que Caneiro ama as palavras e devece pola literatura. Ao meu ver, Caneiro sacha os regos abertos pola memória literária dos séculos, extrai dos recantos máis abruptos e gozosos da sua imaxinación a matéria que nutre as suas páxinas, viaxa febrilmente polos soños que atormentan ao home desde que o mundo é mundo, persegue con fruición os xogos de palavras ?apócrifos ou non, tanto ten- que bulen no interior da linguaxe.
Como nunca falaban de Caneiro, un dia deume por chamar a un programa galego de rádio aqui en Barcelona para falar de Tal vez melancolia e, as cousas como son, deixáronme dicer o que quixera. Desde aquela, que eu saiba, non deron notícia do de Verín, nen sequer cando gañou o Eixo Atlántico e o Blanco Amor a un tempo. E que conste que cando falo de Caneiro estoume a referir tamén a outros autores galegos. A cultura galega en Barcelona ignora a Caneiro e a outros autores galegos. Ocupada como anda en canonizar a Ramón Piñeiro, non ten tempo de pensar en mais ninguén. Algún dia teremos que falar polo miúdo da Cultura Galega en Barcelona que se expresa por boca do fantasma da filosofia da saudade e ignora a quen sobarda os límites do seu pensamento inspirado no santo Grial.
?Quando está calado, é um companheiro ledo e mui querido...?, remata o caricaturista. Cando está calado hai que deixalo porque está escrebendo a sua obra e cando non está calado é porque está falando da sua obra e das grandes obras que admira. En calquer caso, un home/obra, compañeiro ledo e mui querido sempre. Con ou sen prémios hai que ler e opinar sen prexuízos, sabendo que a do escritor é unha causa solitária, e moito máis no país que renega do seu. A verdade é que dá un certo noxo falar destas cousas nun tempo en que calquer presentador/a de televisión pode vender cen mil exemplares pondo o seu nome nun bódrio quen sabe se argallado sen escrúpulos polos ?negros? dunha editorial. O negócio da literatura, do que tamén fala Caneiro nas suas obras.
EMÍLIO CID FERNÁNDEZ
(BARCELONA)
Páginas: 1· 2
Esse foi um, dos teus muitos, desenhos merecentes de
figurar no “the very best of suso". E fuches valente, para além.
Feliz São Patricio day !!
[Embora hoje ainda seja véspera do 17 de Março] Happy St. Patrick’s Day (Lá Fhéile Pádraig Sona Duit) 4 U2 (for you too), dear O’Lombar! E muitíssimo obrigado polos teus elogios, carão! :)
Hoje, día internacional da poesía, uma companheira colgou da parede do meu centro de trabalho um poema do ebórico vate. Case inmediatamente despois de leelo sofrim un “cólico frenético". Ecce home debe coidar que a poesía consiste en empregar palabros coma “silfo” ou “ebúrneo". O teu poste é genial: lémbrame que, junto a Federico Mejinho en los Santos, Caneiro é o colunista do que jamais fun capaz de acabarlhe um escrito. Pódeme! E os seus implacaveis defensores lembranme tamen que certos nazionanistas nom tenhen sentido do humor. Retrátanse. Ata estou convencido que o propio Caneiro sería quen de rir coa súa caricatura. Cando cala, é um companheiro moi amigable.
Nom estou eu tam certo disso, caro amigo. Ao menos eu nunca lhe lim (nem lhe ouvim dizer) ao Caneiro nada que me induzisse a pensar tal cousa dele. É “inaturável". Quando estou a escuitar o “Diário Cultural” e lê a sua “coluna de opiniom” (toda quarta-feira, por volta das 15h50, C.E.T.) para poder aturá-lo entrentretenho-me contando as vezes que o mui pedante repite a palavra “cultura"… ou “intelectual". Fai/Fazede a prova! Evidentemente, coma ti, eu nunca lhe lim ao Caneiro umha coluna inteira!
Pero este Caneiro non é o que escrebe (ou ten escrito) un cacho en galego e outro en spanish nas súas colunas? Unha das experiencias de maior vergoña allea, si exceptuamos as colunas de Casares e as andanzas do seu gato pola horta, ou as indescifrabeis babosadas de Alfred Conde.
Moi ben o de Acaparaconcursix, ou como fora….
O mermo, merminho! Para vergonha alheia a que produze escuitar a sua coluna radiofónica semanal (toda quarta-feira) no Diário Cultural da Rádio Galega! :-P
Muito obrigado, Gonzalo de Berceo, ou Vilas, ou como for… ;-)
Comentários recentes