Busca

        As minhas visitas no mundo

        Locations of visitors to this page

      powered by b2evolution

      Humor Gráfico na Galiza: Que dim Xaquín Marín e Suso Sanmartin?

      Humor Gráfico na Galiza: Que dim Xaquín Marín e Suso Sanmartin?

      Auto-caricaturas de Xaquín Marín (esquerda) e Suso Sanmartin (direita).

      Na passada segunda-feira (SEG, 29-OUT-07) recebim no trabalho a ligaçom do meu amigo Germám Ermida. O Germám, que trabalha como redator em CulturaGalega.Org, queria fazer-me umhas perguntinhas para umha reportagem que estava a fazer sobre o Humor Gráfico na Galiza.

      Apesar de nom estar de muito bom humor (I don?t like Mondays) respondim o melhor que pudem as perguntas do amigo Germám. Reconheço que naquele dia estivem especialmente espesso mas o bom fazer do meu amigo fijo com que a cousa nom ficasse tam mal assim.

      A reportagem (que inclui apenas os depoimentos do mestre Xaquín Marín e deste aprendiz que atende por Suso Sanmartin) foi publicada no portal do Conselho da Cultura Galega na passada quarta-feira, 31 de Outubro.

      Publicamo-la hoje aqui, em Angueira de Suso, agradecendo ao amigo Germám tam grande honor.

      Humor gráfico en Galicia

      É un campo de creación no que contamos con verdadeiros xenios a nivel universal. Canda aos grandes nomes, unha vizosa canteira mantén un digno pabillón que conta cunha grande aceptación popular. O relevo xeracional e a adaptación aos novos soportes son os grandes retos dunha arte que segue a pasar inadvertida na nosa cultura. Estamos a falar do humor gráfico galego.

      Santiago. Redacción. 31 / 10 / 2007

      Castelao era humorista. Celestino Fernández de la Vega atreveuse a escribir o ensaio ?O segredo do humor?. Julio Camba ou Wenceslao Fernández Flórez destacaron como autores deste xénero na prensa da súa época. Canda estes nomes, podemos engadir aínda unha longa lista de autores que deixaron xa unha fonda pegada na historia da arte de facer rir. Siro, Pepe Carreiro, Chichi Campos ou Xosé Lois ?O Carrabouxo?son só algúns exemplos. E isto xa sen nos introducir na ampla presenza do humor en obras literarias, teatrais, televisivas ou de cinema. Non se pode dubidar que o humor supón un elemento importante da nosa cultura. Dentro das distintas manifestacións que buscan provocar a nosa risa, destaca como xénero específico o humor gráfico, que loita por manter a súa función de conciencia crítica da realidade.

      As revistas

      Xaquín Marín, director do Museo do Humor de Fene e nome imprescindible do noso humor gráfico, amósase esperanzado a respecto do futuro desta arte. ?Agora mesmo vexo a situación bastante ben, porque se vai presentar unha nova revista, e iso sempre é bo?, explica. Marín refírese á publicación ?Retranca? que ve a luz este 31 de outubro da man do autor Kiko da Silva e que conta cunha nutrida nómina de autores do país. Fóra desta raiola de esperanza, o panorama non é precisamente optimista para este veterano. ?Polo demais, vexo moitos humoristas especialmente bos, sobre todo na parte gráfica?, explica, ?pero non teño claro que o humor estea en moi bo momento. Para comezar, hai unha falta de publicacións especializadas?. A respecto desta eiva, Marín recoñece que non é específica do noso país. ?Acontece a nivel estatal, o panorama está moi difícil e só existen excepcións puntuais. E non sei ben por qué. Nos quioscos hai publicacións de todo tipo de temáticas agás de humor?. No mesmo sentido maniféstase Suso Sanmartín, un autor bastante máis novo que desenvolve o seu traballo entre o humor gráfico impreso, o web ou dinamizando diferentes eventos de carácter lúdico-reivindicativo. ?Non o vexo moi ben, aínda que parece que ultimamente hai síntomas de recuperación e aparecen publicacións de humor gráfico dedicadas exclusivamente a isto, que é algo que non había desde hai bastante tempo?. Á xa mencionada ?Retranca?, Suso engade ?O Pasquim?, suplemento humorístico do xornal ?Novas da Galiza? que el mesmo coordina canda a Xico Paradelo, e mais o ?Guau Guau? que da man de Pepe Carreiro se pode ler en ?Tempos novos?.

      A prensa

      A maiores, tampouco a prensa escrita, habitual baluarte do xénero, está no seu mellor momento. ?En canto a presenza, cada vez o humor está máis relegado nos xornais e cóntase menos con el?, especifica Marín. Sanmartín, pola súa banda, ten claras as causas desa situación. ?Penso que o humor non se pode entender separadamente doutras formas de xornalismo de opinión. Se as columnas de opinión reflicten todas o mesmo pensamento único, o humor gráfico non é diferente?. Nese sentido, ?paréceme que pasamos moitos anos de censura e que xa se interiorizou moito? denuncia. ?Na noite de pedra fraguiana, como non se podía facer humor sen se afastar da liña editorial que marcaban os xornais, mantidos en última instancia polas institucións, acabaron meténdose moitos ilustradores a facer humor?. Resultado disto, para este autor ?hai moita calidade a nivel gráfico pero o nivel do humor paréceme que non está á mesma altura. Os auténticos humoristas foron relegados a medios máis marxinais, como foi o caso de Pepe Carreiro, que chegou a publicar en `La Voz de Galicia´ou na edición galega de `El Mundo´, e ¿onde está agora??

      Un pouco de historia

      A seguir coa ollada cara atrás, Xaquín Marín repasa os diferentes momentos que viviu o humor gráfico en Galicia. ?A posguerra foi unha época moi mala. Despois comezou a mellorar, e houbo un momento concreto no que penso que os humoristas tiveron unha grande importancia dentro dos xornais. Logo pouco a pouco foise perdendo o humor gráfico aínda que apareceron novos vehículos, coma fotografías humorísticas e outros formatos?, resume. Dentro da nosa historia do humor podemos salientar desde os traballos de Castelao para os xornais da súa época, ao importante rexurdir de autores coma o propio Marín, Siro ou Pepe Carreiro desde os setenta ou Chichi Campos coma nome imprescindible para comprender os anos oitenta no noso país. En canto a publicacións, destacan ?Can sen dono? (1983-1990) ou ?Xo! A voz que para as bestas? na década seguinte, sen esquecermos ?Sapoconcho?, publicación que tirou desde 1994 o Museo do Humor de Fene e que alcanzou dezasete números.

      O futuro do humor galego

      De cara ao futuro inmediato, Marín está convencido de que ?o sentido do humor xenuinamente galego vaise esgotando, como todas as características diferenciais dos galegos ante a globalización. Non sei por onde irá. Haberá que mudar de vehículo, porque cada vez hai menos papel polo medio. Ao tempo, iremos globalizándonos, e se non somos quen de manter a nosa personalidade perderemos o humor?, lembra Marín, que non deixa de confiar nas nosas posibilidades: ?Penso que Galicia podería ser unha grande potencia. Os galegos somos humoristas por natureza. Outra cousa é que sexamos moi coñecidos a nivel profesional?.

      Humor sen papel

      De calquera xeito, aparición de novos soportes, nomeadamente Internet, pode ser unha posibilidade para manter con vida o noso humor. A rede galega foi xa testemuño dos traballos de Aduaneiros Sem Fronteiras, recentemente desaparecido, ou da Va-Ca, canda a un bo feixe de páxinas individuais que, coma os blogs ?Un mundo de paxaradas? ou, na vertente escrita, ?Galpón de Breogán? apostan polo humor como eixe. ?O que antes podían ser os fanzines e as revistas fotocopiadas hoxe cúmpreno Internet e os blogs á hora de difundir a obra?, explica Sanmartín, que mantén el mesmo a bitácora ?Angueira de Suso?. Tamén Marín contempla a importancia que pode desenvolver este medio. ?É un soporte marabilloso que permite unha grande difusión?, recoñece. De xeito semellante, a proliferación nos últimos anos de camisetas con retranca ou a introdución do humor en linguaxes coma a publicidade ou o audiovisual (sen esquecermos a literatura ou os espectáculos, de onde non desapareceu nunca), semellan campos nos que aínda pode florecer a arte de facer rir.

      Escrito em 05-11-2007, na categoria: VÁRIOS
      Chuza!

      2 comentários

      Comentário de: Germám [Visitante]  
      Germám

      Serás pelota! :-P Vaia por diante que liguei para ti por te ter escuitado em certa charla (http://mdl-galiza.org/content/view/299/)sobre o tema e porque me pareceu que complementarias bem o Xaquim! E acho que nom me trabuquei muito…
      quê pouca autoestima conas! :-P

      05-11-2007 @ 18:30
      Comentário de: suso [Membro]  
      suso

      Serei pelota, puxa-saco ou o que tu quiseres, mas como podes acusar um tipo que se chama Suso e que “mantém ele mesmo” (como bem dis na tua reportagem) umha bitácora chamada ?Angueira de Suso? de ter pouca auto-estima?!? ;-P Muitíssimo obrigado, Germám!!! :-)

      07-11-2007 @ 13:25