(1890-1971)
Irmandade da Corunha (Secretária da Junta Diretiva)
“Chamache o meu coraçom de filha e de mãe; pola lembrança sacra dos meus antigos e polo porvir dos meus filhos; pola nossa prosperidade coletiva, pola limpeza política, pola nossa fala e pola paz social. Ao vosso chamamento pugem-me em pé dizendo: Presente!”
Elvira Bao tentou impulsionar as secçons femininas das Escolas de Ensino Galego e foi presidenta da Agrupaçom Republicana Feminina. O excerto anterior pertence a umha carta enviada a Celia Bouzas de Peña, presidenta do Grupo Feminino de Ourense do Partido Galeguista e publicada em A Nosa Terra:
«Doña Celia Bouzas de Peña. Ao seu debido tempo, escoitei o voso chamamento para formar na ringleira das mulleres galegas, que temos a obriga de facer unha Galiza grande, rica e plena de libertade. Chamáchedes ao meu corazón de filla e de nai; pol-a lembranza sagra dos meus antergos e pol-o porvir dos meus fillos; pol-a nosa prosperidade colectiva, pol-a limpeza política, pol-a nosa fala e pol-a paz social. Ao voso chamamento púxenme en pé decindo.¡presente!. Alédame escoitar a vosa voz en que fun educada na Irmandade da fala na Cruña fai uns 14 anos;vexo que a nosa semente non votada en valde. Pol-a grave doenza que padece a miña nai non tiven vagar para ofrendarvos antes de hoxe todo o meu entusiasmo galeguista; mais estiven de cote convosco en espíritu.Contade, pois, conmigo en todo o que poida ser preciso, o agardando as vosas indicacións a seguir. Saúdavos con todo agarimo vosa irmán na causa. Elvira Bao Maceiras de Varela»
(ANT, 9-10-1933)
Celia Bouzas, presidenta do Grupo Feminino de Ourense do Partido Galeguista, publica com Mercedes Docampo também em ANT o “Chamamento às mulheres galegas”:
“Sabemos que son moitas as donas galegas que teñen falado da nosa decisión ao orgaizare en Ourense un Grupo Femenino Galeguista e algunhas teñen loubado a nosa boa idea. ¿Por que non vos xuntades, como nós o temos feito, se levades dentro ise anceio que sentimos as donas galegas de poder vivir nunha Terra ceibe, que hoxe está enlixada pola ambición de xentes que non sinten coma nós, nin falan como nós, nin nela disfroitan como nós, porque a descoñecen e nos caloñan e persiguen sen nos escoitare? ¿Cecais teñen medo de que as convenzamos? Pode ser. Certamentes, son un impedimento pra as nosas arelas que son ben fidalgas e desintresadas.
Por iso, ousamos dar iste paso coa seguranza de que non vos demoraredes en seguire o noso eixempro, formando un Grupo Femenino, e, podendo, con meirande número de afiliadas que eiquí. Somos arredor de medio cento na cibdade e sabemos que se están orgaizando outros Grupos nos pobos da comarca. ¡Adiante, mulleres patriotas da nosa Terra. Todo por Galiza, sen importarvos que comentarán os vosos aitos e que poidan censurarvos. Como se trata de traballar pola nosa Patria, podedes levar a frente ergueita e por elo sentirédesvos orgulosas ao igoal das vosas irmáns de Ourense. Adiante ¡TERRA A NOSA!”
(ANT, 9-10-1933)