« O Entre Línguas no vídeo A estratégia Luso-brasileira para a nossa línguaNova referência ao documentário Entre Línguas »

Referência do Marcos Nine ao Entre Línguas

Referência do Marcos Nine ao Entre Línguas
Escrito em 25-05-2011, na categoria: Notícias

Link: http://marcosnine.blogaliza.org/2010/03/02/por-min-e-por-todolos-meus-companeiros/

Por min e por tódolos meus compañeiros.
marzo 2nd, 2010 | by marcosnine |
Hai xa 4 anos rodouse un filme que levaba pricisamente ese título "Por min e por tódolos meus compañeiros". Nunca cheguei a velo. Mal do noso tempo. Dirixía Judas Diz e daquela eu tiña ó que era o meu compi de piso Senen enfrascado na producción. Lémbrome daquela peli porque tivo algo especial, era a primeira peli que se producía por estes lares a modo de cooperativa. Descoñezo o resultado que deu tal fórmula pero o que me parece realmente interesante é que un director rodeado de colegas sacaba un proxecto adiante ó máis puro estilo "indie" mentres a "industria" miraba para outro lado.

Acordeime desa peli xustamente mentres cubría os meus votos dos MM. Viñeronme moitas cousas á cabeza porque na edición deste ano só van competir 101 produccións ós premios e tendo en conta que en anos anteriores había 220-230 pois os datos son como mínimo síntoma de que esta "industria/sector estratéxico" pasa por un momento delicado. Basta ver algúns dos datos que aporta Manolo Gonzalez no seu bló.

Tamén me lembro que por aqueles tempos de 200 e pico produccións e cando se facían cousas como esta "Por min...", cruceime na entrada da gala dos MM con Marta de Planeta Cine que me pillara totalmente descolocado e que me fixo unha pregunta moi simple: "Unha frase para vender o audiovisual galego?" Eu que non sabía onde meterme e case lle arrebato o "alcachofo" das mans. Tiven unha desas saídas kamikaces e respondinlle: "Vexa usté outra cousa". E esto debeu ser no 2007.

Pero dá moitas voltas a vida e ás veces dun xeito contradicitorio. É certo que naquel momento de "bonanza" eu vía as cousas negras, negrísimas, en canto á calidade dos productos que se facían por estes lares. Sen embargo, visto coa perspectiva de 2010 e coas cousas que foron aparecendo durante estes anos, a miña opinión mudou radicalmente pese a que a situación económica nos conduza ó declive.

A razón deste post é que sempre mirei con envexa ós músicos (por exemplo), que acuden a concertos dos seus compañeiros e disfrutan e se marabillan do que fan os outros. Eu sempre me quixen sentir así dentro do audiovisual galego. Por eso quería escribir un post para presumir de compañeiros. Para defender a idea de que estamos a vivir o mellor momento do cine galego, e que contrariamente ó que se escoita por aí, non hai soamente curtas, senón que podemos presumir de que se fai de todo e ben. E como semella que falar de futuribles fire as sensibilidades vou deixar aquí un listado de productos xa feitos que me parecen máis que destacables:

Ficción

"Relatos" (2009). Dirixida por Mario Iglesias. Grandísima peli na que integra perfectamente algunhas das súas curtas anteriores cunha relación de parella marcada pola rutina. Estivo a competición no Festival de Tokio. É unha peli intimista. É unha longa de ficción. É un producto exportable a calquera parte do mundo. É cine galego. E tamén é moi recomendable "Cartas Italianas" (2008) aínda que persoalmente me quedo con "Relatos".

"Todos vos sodes capitáns" (2010). Dirixida por Oliver Laxe. Aínda non se estreou oficialmente pero puido verse "oficiosamente" nalgún lado. Está afastada da ficción convencional e xoga coa idea de real-ficción e coa relación personaxe-entorno dentro do contexto de Tánxer e dun taller de cine para rapaces con familias desestructuradas. E realmente boa, e tamén é unha longa de ficción.

"Os Crebinsky" (2010). Dirixida por Quique Otero. Poderá verse a partires deste verán pero levan xa uns meses ensinando por aí a primeira bobina da peli, o making off, teaser, trailer... Promete ser divertidísima e todo un espectáculo que irá acompañado do son da banda Crebinsky para convertir as súas proxeccións nunha festa. Pois eso, outra longa de ficción, en 35 mm para que ninguén poida dicir que só hai video, de humor, e para tódolos públicos.

"Mar Libre" (2010). Dirixida por Dani de la Torre. Estreouse hai unha semana nun abarrotado teatro principal de Santiago. Trátase dunha miniserie aínda que pode verse como filme de 2h 30min. Peli de época con toques de xénero, feita por un director fanático do cine americano de acción e flocos de millo. Poderase ver en breve na TVG.

"Maldito Bastardo" (2008). Dirixida por Javi Camino. Grande, moi grande!!! Peli de xénero, non me atrevería a dicir "Gore" pero vai por ese camiño. É divertidísima, sen pretensións, sen complexos, absolutamente perversa, e cunha Pilar Miguelez espectacular. Paseino teta. E tamén é unha longa de ficción.

Pois eso, só coas longas de ficción xa hai para tódolos gustos.

Documental

"Dous de vintetantos" (2009). Dirixida por Manu Mayo. Docu en primeira persoa que narra o drama dos accidentes de tráfico. Da gusto velo porque se percibe a implicación do director na peli. É unha peli realmente dificil de facer e que consigue que algo se che mova na conciencia. Dura 80 min. E merece moito a pena vela.

"El Andamio/50 años en el Andamio" (2009). Dirixida por Rogelio Amigo/Ángel Rueda. Esta poñoa en plan "sesión doble" porque creo que merece a pena vela así. Recuperación dun filme mítico rodado na Coruña en 1958 e a búsqueda das súas pegadas 50 anos despois. Peli ultranecesaria para que nos deamos conta da necesidade de recuperar un pasado ó que non tivemos acceso.

"Bata por fora, muller por dentro" (2008). Dirixida por Claudia Brenlla. É a primeira curta que sumo a esta lista pero é o que ten o documental e os seus "standares". "Bata" é un docu creativo, xénero pouco explotado en Galicia que ofrece unha visión moi persoal da figura da muller xogando entre o que é en realidade e a imaxe que perciben os demáis. É distinto, aire fresco, un paso máis na evolución do cine en Galicia.

"Entre Linguas" (2010). Dirixido por Eduardo Maragoto, Vanesa Vila-Verde e Joao Aveledo. Non son cineastas, senón filólogos pero acaban de realizar un docu histórico. Nun momento tan delicado para a lingua galega, eles foron capaces de amosar que a nosa lingua se extende máis alá das nosas fronteiras nunha viaxe por vilas de Extremadura e Zamora nas que a súa lingua propia, se non é galego, aseméllase moito. E polo que puiden falar con eles parece que lle colleron gusto a filmar..., pois ogalla sigan a facer moitas máis pezas coma esta. Dura 30 min, pero hai material extra abundante que quizais se poida ver nalgunha das súas presentacións.

"Paris#1" (2008). Dirixido por Oliver Laxe. É sen dúbida unha das mellores pelis que se fixeron en Galicia nunca. É un docu de corte experimental na medida en que emprega unha linguaxe propia, pero é unha producción que eu sempre vin como docu (quizais por corporativismo). "Paris" é unha fermosa suma de pequenos retratos de Galicia. Eu nunca puiden evitar vela como a suma das postais que todo emigrado lle gustaría ter na súa memoria. É unha lección de como filmar, de como facer cadros preciosos.

E como xa me estou a estender bastante, remato aquí este post deixando moitos outros títulos na recámara. Pido desculpas a tódolos compis que non entraron nesta lista e polos que tamén sinto admiración e o desexo de que a fortuna os acompañe. Pola miña banda agardo poder rematar algunha cousa nos próximos meses coa que poder sacar peito. O que quería dicir xa está dito e é que agora mesmo neste pequeno mundiño hai xente que está a facer cousas que paga moito a pena ver e que o único problema que existe é que nos falta espacio para que estas cousas poidan chegar ó seu público.

Que esto cambie. Por min e por tódolos meus compañeiros

Sem comentários ainda