Arquivos para: Fevereiro 2011

De boca a boca ... axenda aberta

Nace unha nova inciciativa na nosa comarca: axendaaberta.blogspot.com

Extraído do blog de De boca a boca... axenda aberta:
Axenda aberta nace da iniciativa dun grupo de veciñas e veciños da comarca de Ferrol coa intención de facilitarlle unha ferramente informativa á nosa comarca consistente na comunicación e anuncio das diversas e futuras actividades a realizar no noso ámbito territorial. Ademais de servir de axenda recopilatoria das actividades das diversas asociacións e colectivos que existen na nosa comarca.

Neste momento, atopámonos recopilando información, así que se alguén observa que non aparece nas nosas listaxes, pode enviarnos un mail a axendaaberta@gmail.com solicitando a súa inserción.

Asemesmo, tamén nos podedes enviar convocatorias abertas para inserilas na axenda principal do blog.

En todo caso, Axenda Aberta non se fai responsable das posíbeis modificacións de lugar, contido, data ou hora ou supresión das distintas actividades publicadas na nosa axenda. Recomendamos aos visitantes da nosa web corroborar cos propios organizadores dos eventos a súa realización na data, hora, lugar ou característica publicada na nosa axenda.

Xaneiro de 2011.

Escrito em 09-02-11, na categoria: Com nome próprio
Chuza!
Nace a iniciativa popular SOMOS GALEGO

SOMOS GALEGO apreséntase publicamente cun manifesto aberto á adhesión das persoas e colectivos que o desexaren

Mércores 2 de febreiro

Nesta mañá deuse a coñecer a existencia da iniciativa popular Somos Galego, promovida por un grupo de persoas preocupadas pola situación de desprotección e agresión que sofre a lingua do País e pola regresión no ámbito da normalización da man das políticas lingüísticas da Xunta.

Segundo a testemuña desta iniciativa Somos Galego “tamén quere mostrar a súa preocupación polo tratamento omisivo, criminalizador e represivo que teñen padecido e padecen axentes normalizadores ou simples galegos e galegas por participaren en actos ou mobilizacións a prol do galego”. Neste sentido, aseguran, “Somos Galego solidarízase con todas aquelas persoas que enfrontaron ou enfrontan sancións administrativas ou procesos xudiciais e manifesta o seu apoio a todas aquelas inciativas solidarias neste eido”.

O manifesto fundacional desta iniciativa chama ao sobresemento dos procesos xudiciais abertos contra os defensores e defensoras do idioma e á retirada das sancións, á desactivación dos dispositivos de violencia policial así como á depuración de responsabilidades políticas nas agresións exercidas polos corpos represivos do estado. Finalmente esixen da Administración Galega o cumplimento das obrigas en materia de normalización e aseguran que estas “non só foron abandonadas, senón vulneradas conscientemente no marco dunha acción lexislativa que inverte o proceso de normalización linguu ística”.

O seu manifesto, aberto á adhesión, pódese consultar no blogue http://somosgalego.blogaliza.org/ e asinar a través do correo ipsomosgalego@gmail.com por todas aquelas persoas e colectivos que así o desexen.

Dende SOMOS GALEGO chaman a “participar este xoves, día 3, e o venres, día 4, nas concentracións solidarias coas dúas persoas ás que o Xulgado do Penal de Vigo lles pide penas de prisión que suman máis de 8 anos, acusados de, supostamente, teren agredido aos policías antidisturbios que atacaron de xeito violento unha concentración pacífica contra un acto do colectivo supremacista Galicia Bilingüe en febreiro de 2008”.

Adhire o noso manifesto: http://somosgalego.blogaliza.org/

Contacta connosco: ipsomosgalego@gmail.com

Manifesto contra a represión lingüística

Os primeiros anos deste novo século serviron para que a ultradereita española, representada polo Partido Popular, propiciase o nacemento e expansión dun discurso contra dos dereitos colectivos das nacións periféricas integradas no Estado Español, que é de seu un ataque estrutural á propia existencia destas. Un dos dereitos que máis turba ao nacionalismo español de nova planta é o de toda unha colectividade a desenvolverse en todas as instancias e niveis da vida social no seu idioma, o que representa o principal síntoma dunha identidade en resistencia e construción permanente, mais xa madura, logo dun proceso de formación no que importaron moito os esforzos de moitas xeracións e que atravesou os contextos políticos e sociais máis adversos.

Este discurso, novo en aparencia, acumula o herdo do totalitarismo lingüístico, e foi reforzado por diferentes expropiacións de conceptos que historicamente pertencen ás expresións da esquerda xenuína, como é o propio termo “liberdade”. Isto garantiulles certo grao de aceptación no medio social, que se veu amparado no compromiso dos mass media con este tipo de expresións propias do centralismo. Amais o goberno galego, tomado polo Partido Popular hoxe, agocha baixo a cortina de fume da “austeridade fronte á crise” un programa de desartellamento da nación galega que se asenta na máxima colonial do “desenraizamento” para poder perpetuar a dominación do centro colonialista sobre territorios cultural, social, política e economicamente diferenciados, como é o caso do noso País.

Neste escenario, unha necesidade partillada polas forzas que alternan as butacas en Madrid é a de reprimir e aniquilar as expresións contestatarias que están a defender a lingua nacional fronte a aqueles actos e manifestacións que, baixo unha retórica formalmente democrática, están cargados de violencia simbólica e real. Este é o caso dos eventos pola “libertad lingüística” ou para ben dicir, contra a normalización da lingua galega e a propia lexislación que debería garantir esta, que comprometen un regreso ao vello escenario de marxinalidade lingüística para o galego. Garanten a posición de dominación da lingua castelá coa estratexia de presentala como “lengua común”, e non son senón, polo seu carácter de expresións dunha minoría social creada, referendada e amplificada polos medios de desinformación e o poder, un erro máis, unha mostra máis do fracaso do programa asimilador do nacionalismo español.

A represión resólvese como unha peza chave nesta dirección. Dende hai un lustro, a coordinación de manobras das forzas institucionais que se autolexitiman nestas minoritarias expresións sociais, viuse acompañada da activación dos mecanismos de represión xurídico-política ou xurídico-policial que acompasan os diferentes momentos políticos de agresión aos dereitos colectivos destas nacións sen estado. Así, os procedementos xudiciais abertos contra entidades normalizadoras, as sancións administrativas e penais contra os individuos e colectivos sociais (véxanse o famoso caso do “L” na Coruña ou do expediente sancionador do concello compostelán contra a faixa da Gentalha do Pichel), sumados ao circo de violencia policial nas concentracións en defensa da lingua, son unha proba clarificadora do cotián deste embate contra o idioma.

Por iso, e á vista dos diferentes procedementos civís, administrativos e penais abertos contra activistas comprometidos e comprometidas coa lingua, das diferentes ameazas de sanción económica e mesmo prisión, ou da asfixia económica e xudicial á que están a someter a diversas entidades sociais, os colectivos que adherimos este manifesto como unha posición común fronte á miseria do nacionalismo, español,

ESIXIMOS:

1. O sobresemento dos procesos xudiciais abertos contra todas as persoas, colectivos e entidades polo feito de desenvolver un traballo coherente en defensa do idioma.

2. A retirada de todas aquelas sancións que a día de hoxe son efectivas contra asociacións ou individuos, impostas arbitraria e desproporcionadamente como mecanismo de represión e silenciamento.

3. A desactivación dos dispositivos de violencia policial artellados arredor das iniciativas en defensa da lingua, do mesmo modo desproporcionados e gratuítos, encamiñados a criminalizar este tipo de iniciativas, atemorizar a poboación, coartar a liberdade de expresión e impor o discurso único.

4. A depuración de responsabilidades políticas e administrativas con respecto a estas mostras de agresión.

5. O cumprimento, por parte da Administración galega, das súas obrigas legais en materia de normalización lingüística, que non só foron abandonadas, senón vulneradas conscientemente no marco dunha acción lexislativa que inverte o proceso de normalización lingüística posto en marcha dende a aprobación da Lei 3/1983 de 15 de xuño de Normalización Lingüística, e a restauración dunha legalidade xa en por si deficitaria.

Ao tempo, queremos manifestar o noso apoio a todas aquelas iniciativas solidarias coas persoas e colectivos que sofren estas prácticas represivas, e a nosa disposición para continuarmos no camiño da loita polo idioma, que, malia ser molesto para as autoridades, é o único que pode garantir a supervivencia da nosa lingua.

Na Terra, xaneiro de 2010

Escrito em 02-02-11, na categoria: Com nome próprio
Chuza!

Busca


Fevereiro 2011
Seg Ter Qua Qui Sex Sab Dom
 << < Atual> >>
  1 2 3 4 5 6
7 8 9 10 11 12 13
14 15 16 17 18 19 20
21 22 23 24 25 26 27
28            

Feeds XML

powered by b2evolution free blog software