O departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ferrol, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, aposta polo uso e o bo coñecemento do idioma galego entre os seus cidadáns e cidadás. Así, promove cursos gratuítos para prepararse e poder presentarse aos exames que dan dereito á obtención dos títulos CELGA 1, (para inmigrantes e persoas que non teñen coñecemento da lingua galega), CELGA 2, CELGA 3 e CELGA 4 (este último dirixido a aqueles que desexen perfeccionar o seu dominio).
Escrito em 21-01-11,
na categoria: Com nome próprio
|
A lingua galega, o euskera e o catalá estiveron presentes este mércores no pleno do Senado por primeira vez na historia, nunha sesión na que se activaron os servizos de tradución simultánea nun clima de normalidade. O senador de Entesa Ramón Aleu iniciou o turno facendo uso da potestade que lle otorga o novo Regulamento. Tamén falaron nas súas linguas, o senador balear Pere Torres, a do PNV Loren Leanizabarrutia, o de CiU Ramón Alturo, o do PSOE Joan Cardona e o do BNG Xosé Manuel Pérez Bouza. Os senadores do PP fixeron un uso mínimo da tradución simultánea e aplaudiron á súa representante cando lembrou que o castelán é a lingua na que se entende "todo o mundo".
Cultura • 18/01/2011 • Autor: H.S.R.
“É algo positivo e estamos satisfeitos”, afirmou o nacionalista Pérez Bouza, un dos impulsores da reforma do regulamento no Senado. Para o político do BNG, o uso do galego na Cámara Alta “é un feito simbólico pero moi importante, sobre todo agora que en Galiza a lingua está sufrindo os ataques do PP”. “Abrímoslle unha pequena fiestra ao noso idioma”, destaca Pérez Bouza, que considera as críticas dos populares “unha mostra máis da súa visión da pluralidade, que é un problema para eles”. “Critican o gasto e claro que o hai como sempre que se pon algo en marcha; de todas formas, é asumible porque o orzamento do Senado baixou”, di o senador, que lembra tamén que os grupos nacionalistas intentaron “por todos os medios” poder empregar as linguas cooficiais tamén na sesión de control. “Para conseguir o consenso co PSOE houbo que aceptar esa condición”, recoñece o membro do BNG.
Noticia extraída de RadioFussion
Escrito em 18-01-11,
na categoria: Com nome próprio
|
O domingo trinta de xaneiro, ás tres da tarde, celébrarase unha manifestación virtual na rede, que convoca "Por decreto que defenda o galego". Entre outras accións, o colectivo recomenda poñer unha imaxe divulgada xa, vía face, no perfil de cada usuario que estea pola causa.
O colectivo diríxese ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoó, para que medite as súas opcións sobre o decreto lingüistíco que "nos quere impoñer aos galegos", privando a cada vez máis nenos do seu dereito a aprender na lingua materna, e non só iso, desnaturalizándoos e alienándoos.
Desde o colectivo, piden "un mínimo dun 50 por cento de presenza do galego no ensino (ben sexa infantil, primaria, secundaria ou ciclos superiores).
Todos os presentes neste grupo cremos e apoiamos a existencia da nosa lingua materna: O galego. Por iso queremos un decreto digno de Galiza, no que o galego estea presente nunha porcentaxe mínima dun 50% e deixar o resto para as demais linguas, xa que consideramos que o galego é a lingua oficial de Galiza e debe estar representada en todos os ámbitos do noso país".
Non queremos erradicar o castelán nen impor unha lingua sobre outra, só pedimos o que nos corresponde; a equiparación das linguas cooficiais en Galiza.
Pois é máis que de xustiza, por tanto, desde MundoGaliza animámosvos a participar desta manifestación virtual.
Escrito em 18-01-11,
na categoria: Com nome próprio
|
Convocados hoxe, con carácter gratuíto, cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior, e cursos preparatorios para a consecución dos certificados de lingua galega (Celga), nos niveis 1, 2, 3 e 4, para o ano 2011, nas escolas oficiais de idiomas de Galicia.
Escrito em 14-01-11,
na categoria: Com nome próprio
|
A concelleira de Cultura, Mercedes Carbajales, anunciou que a Biblioteca Municipal da Praza de España retomará hoxe mércores, o Club de Narrativa e o Club de Lectura en Galego. O seu obxectivo, tal e como subliñou, é incentivar a afección pola lectura, afondar e coñecer as obras narrativas de recoñecidos escritores galegos e internacionais, ao tempo que se fomenta a súa lectura e mesmo o diálogo entre os participantes. En ambos os dous casos, as actividades son gratuítas.
Respecto ao Club de Narrativa, avanzou que as sesións estarán coordinadas por Aurora Varela e celebraranse en mercores alternos en horario de 18.00 a 19.30. O número de prazas -vinte- están xa cubertas, tal e como indicou a edil, e mesmo hai xa listaxe de agarda. Aínda así, animou ás persoas interesadas neste Club a inscribirse por se algún dos asistentes deixa de asistir á actividade.
O dito Club iniciarase coa lectura de “Cerca del corazón salvaje”, de Clarice Lispector, e continuará con outras obras de autores destacados como “El maestro de almas”, de Irene Nemirovski; “El polizón de Ulises”, de Ana María Matute, “Bartleby y compañía”, de Enrique Vila-Matas; “Los usurpadores”, de Francisco Ayala; “La noche del oráculo”, de Paul Auster; “Nos espera la noche”, de Laura Espido Freire e “La soledad de los números primos”, de Paolo Giordano. A estes títulos iranse sumando outros a medida que se vai desenvolvendo o Club de Narrativa.
Por outra banda, e en relación ao Club de Lectura en Galego, Mercedes Carbajales anunciou esta mañá que novamente as sesións estarán coordinadas polo escritor ferrolán Henrique Dacosta e se celebrarán os mércores en horario de 19.00 a 20.30 horas na Sala Audiovisual -será unha sesión ao mes agás en xaneiro, no que están programadas dúas-. Así, os interesados en participar no dito Club poderán acudir este mércores ás instalacións municipais e participar na primeira lectura: “O cabo do mundo”, do escritor Xabier Quiroga.
A entrada para participar nestas sesións é libre e gratuíta, aínda que é necesario inscribirse previamente no mostrador da Biblioteca, ubicado na pranta baixa. A este respecto, a edil de Cultura anunciou que hai 12 prazas libres, polo que animou aos cidadáns e cidadás a achegarse ata a Biblioteca e anotarse neste Club de Lectura en Galego, dirixido á poboación adulta. Así, os asistentes poderán analizar e afondar en obras narrativas de destacados autores como Suso de Toro, Antón Riveiro Coello ou Ivo Andric, escritor bosnio que no ano 1961 recibiu o Premio Nobel de Literatura.
Neste caso, as sesións desenvolveranse os días 12 e 26 de xaneiro, 16 de febreiro, 16 de marzo, 13 de abril, 11 de maio e 8 de xuño e nelas os asistentes traballarán coas seguintes obras literarias: “O cabo do mundo”, de Xabier Quiroga; “Unha mada de 12 relatos” e “O prezo da tentación”, de Henrique Dacosta; “Calzados Lola”, de Suso de Toro; “A medición do mundo”, do alemán Daniel Kehlmann; “A ponte sobre o Drina”, de Ivo Andric; “As rulas de Bakunin”, de Antón Riveiro Coello; e “Expediente Artieda”, de Luis Rei Núñez.
Escrito em 12-01-11,
na categoria: Com nome próprio
|
A concelleira de Cultura, Mercedes Carbajales, presentou esta mañá a publicación “Carvalho Calero, de Ferrol para o mundo. Imaxe de cen anos”, editada polo Concello co gallo da conmemoración, en 2010, do centenario do nacemento de Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910-Santiago de Compostela, 1990). O libro entregarase a todas as persoas que o vindeiro 18 de xaneiro se acheguen ata o Centro Cultural Carvalho Calero, ubicado na Praza do Inferniño, onde se inaugurará ás 19.30 horas a exposición sobre a vida e obra literaria do ilustre filólogo e escritor ferrolán.
Xa polo miúdo, a edil subliñou que o volume estrutúrase en diferentes apartados segundo as etapas da súa vida, sendo o primeiro deles o correspondente ao seu nacemento, infancia e mocidade (do 1910 ao 1926). Uns anos que transcurriu no barrio de Ferrol Vello e que se ilustran con fotografías da Praza Vella, da rúa e igrexa de San Francisco ou da rúa Real á altura da Praza de Amboaxe, por onde Carvalho Calero pasaba para acudir ao Colexio do Sagrado Corazón.
A súa etapa de universitario en Santiago de Compostela (1926-1932) ou a do Ferrol e a República (1932-1936) reflíctense tamén na publicación “Carvalho Calero, de Ferrol para o mundo. Imaxe de cen anos”. Tamén os anos da Guerra Civil e o seu apoio ao bando republicano ou a condea de doce anos e un día de reclusión recóllense neste volume, que inclúe así mesmo capítulos como o relativo ao seu regreso a Ferrol (1941-1950), onde se adicou ao ensino privado aínda que dunha forma clandestina, toda vez que non podía estar colexiado como consecuencia da condea que lle fora imposta (exerceu en colexios particulares e privados).
Os anos que pasou en Lugo, onde viviu e traballou entre 1950 e 1965 están tamén recollidos, con imaxes do Colexio Fingoi onde Carvalho Calero exerceu a docencia como profesor e director. Docencia que posteriormente, entre 1965 e 1980 desenvolveu na Universidade de Santiago de Compostela, ano este último no que se xubilou aínda que seguiu traballando na Universidade.
O libro incorpora os capítulos “1980-1990. Esperar contra toda esperanza” e “1990. Benvido á inmortalidade”, así como adicatorias a Carvalho Calero de ilustres persoeiros como Luis Seoane, Ramón Piñeiro, Fermín Bouza Brey, Domingo García Sabell ou Eduardo Blanco Amor, entre outros. Finalmente, “Carvalho Calero, de Ferrol para o mundo. Imaxe de cen anos” péchase cunha selección da súa obra póstuma, estudos e homenaxes que recibiu o filólogo ferrolán, como o nomeamento de Fillo Predilecto do Concello de Ferrol no ano 1990, entre outros.
Escrito em 11-01-11,
na categoria: Com nome próprio
|