Ponte Vedra 100% em galego

Decisión histórica: A Revira adopta a normativa oficial do galego

Decisión histórica: A Revira adopta a normativa oficial do galego

No 1º de abril vam os burros onde nom devem ir :p. Reivindiquemos o nosso Dia dos Enganos!

Obrigado a toda a gente que participou na nossa brincadeira. Por suposto A Revira seguirá trabalhando em parámetros reintegracionistas, sendo este parte do seu ADN.

Despois de máis de dez anos de ininterrumpida práctica reintegracionista, a asemblea da asociación cultural A Revira decidiu adoptar a normativa oficial do galego, segundo o criterio de autoridade da Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega.

As razóns que explican este histórico paso son as seguintes:

- O pobo non está preparado para entender a normativa reintegracionista. A cidadanía de Pontevedra entende que nos diriximos a ela non en galego, senón en portugués, nunha lingua allea, e é incapaz de comprender os nosos posicionamentos. Hoxe por hoxe, para un galego aprender a normativa reintegracionista, ou mesmo o portugués, é tan difícil como a aprendizaxe de calquera outro idioma estranxeiro, e non podemos esixir tal esforzo a unha sociedade que primeiro debe escoller a lingua minorizada. Debemos apostar polo pragmatismo, non poderemos convencer nunca a quen non nos entende.

- Utilizar esta escrita non supón renunciar a un certo achegamento ao portugués, senón simplemente adialo para tempos nos que sexa posible. Se continuamos con esta normativa estamos a entorpecer o proceso de recuperación de usos para o galego, ao introducir un elemento de distorsión. No momento actual temos que normalizar, e xa no futuro poderiamos normativizar con propostas máis próximas ás da lusofonía, na medida do posible.

- Despois de case un século de andaina, o reintegracionismo non superou o seu estatus minoritario no soberanismo galego, amplo movemento no que nos encadramos. Ao contrario, convertiuse en numerosas ocasións en factor de enfrontamento e retraso na toma de decisións, cando pretendía representar o contrario (cohesión e expansión). Non podemos conformarnos con ser os derradeiros mohicanos na defensa dunha batalla que, nas circunstancias actuais, está perdida.

- Pensamos que é máis doado defender socialmente que unha nación equivale sempre a unha lingua propia que explicar que o galego e o portugués son a mesma lingua con dous nomes diferentes, un sarillo incomprensible. Só unhas poucas linguas (como o castellano, o inglés, o árabe, o alemán, o francés, e o propio portugués) son oficiais en máis dunha nación, mais as fronteiras da nosa lingua cínguense ás do actual estado español.

-É innegable que na Galiza e en Portugal non falamos igual, e non podemos continuar a enganar o pobo con esa afirmación. Noutras linguas que si son internacionais (como o español, precisamente) as diferencias son mínimas e a intercomprensión é absoluta, de modo que apenas hai matices entre a fala dun mexicano, un andaluz ou un castellano, por exemplo, ben diferente das dificultades que atoparían galegos, brasileiros e portugueses para se comunicar entre sí. Non podemos pretender que as galegas e galegos teñan que viaxar ao estranxeiro a aprender o seu propio idioma.

- Todas as institucións políticas, culturais e lingüísticas recoñecen que galego e portugués son dúas linguas diferentes. Non podemos acreditar que exista unha teoría da conspiración que ignore as bases científicas e pretenda minorizar as posibilidades da nosa lingua para subordinala ao español, como afirma o reintegracionismo. Que interese terían a Xunta de Galicia ou o Estado español en atacar deliberadamente a saúde do noso idioma?

- Unha asociación de base non pode renunciar ao lexítimo uso das subvencións que lle corresponden pola súa actividade cultural. Como comprobamos tantas veces, a normativa reintegracionista é un atranco xa que esta non é oficial, e loxicamente é excluida de todo apoio oficial. Aspiramos a acceder a numerosos subsidios e convenios públicos, xa que as institucións valorarán a seriedade do noso paso e o noso adquirido compromiso coas normas promulgadas.

- As vantaxes que o reintegracionismo argumenta son máis teóricas que reais. O acceso á lusofonía é en realidade moi limitado, e a lingua portuguesa apenas ten obras e autores importantes en ámbitos como a ciencia, a literatura ou a música. No século XXI non existen problemas significativos para acceder á tecnoloxía, á prensa ou á literatura internacional en normativa oficial, e non existe ningún país minimamente relevante no mundo que empregue o portugués. Ademais, corremos o risco de convertir o galego que nós empregamos en satélite dunha lingua foránea, substituindo o colonialismo madrileño polo lisboeta.

Somos conscientes de que a decisión representa un xiro importante na nosa estratexia, mais foi o resultado dun longo proceso de debate democrático, no que as persoas asociadas tiveron en conta argumentos en prol e en contra, para chegar finalmente a unha postura de consenso. Tamén sabemos que este acordo vai xerar controversia en determinados círculos reintegracionistas, polo que nos adiantamos a pedir o necesario respeto pola nosa capacidade de decisión. Queremos salientar que o noso obxetivo, cunha ou outra normativa, continúa a ser a plena normalización do idioma.

Desde a Asociación A Revira xa enviamos á Associaçom Galega da Língua (AGAL) un paquete cos nosos antigos cartóns de asociados. Nos próximos días faremos unha doazón de libros en portugués a entidades que aínda defendan o reintegracionismo, ou a asociacións portuguesas ou brasileiras que así o desexen.

Escrito em 01-04-2014, na categoria: Associaçom
Chuza!

1 comentário

Comentário de: Valentim Fagim [Visitante]  
Valentim Fagim

Non era sen tempo. Como se pode ir de patriota galego e escribir nunha lingua estranxeira? Por fin entramos en razón, carafio.

01-04-2014 @ 16:39

O Local Social Revira é um espaço alternativo galego inserido e ao serviço do movimento popular da comarca de Ponte Vedra fundado em Dezembro de 2003

Somos umha entidade independente, autogerida e plural, com visom de País e um projecto de esquerda anticapitalista.

Contacta com nós CS Revira em Facebook CS Revira em Twitter

Onde estamos? Gonzalo Gallas, 4, rés do chao Ponte Vedra, Galiza

Segunda-Feira 20.00 a 22.00
Terça-Feira 20.00 a 22.00
Quarta-Feira 20.00 a 22.00
Quinta-Feira 20.00 a 22.00
Sexta-Feira 20.00 a feche
Sábado 20.00 a feche

Ponte Vedra 100% em galego

LIGAÇOES

COLETIVOS PONTE VEDRA


CENTROS SOCIAIS

INFORMAÇOM

LINGUA

ANTIRREPRESIVO

MEIO AMBIENTE

FEMINISMO

SINDICATOS

DESPORTOS