
Nesta assoalhada manhã de domingo (Domingo de Ramos) em vez de ir à missa a Teresa e mais eu decidimos ir culturizar-nos um pouco ao CGAC. Dêmos umha vista de olhos às três exposições que na atualidade estám patentes ao público no Centro Galego de Arte Contemporânea: Pequena História da Fotografia, A Mancha Humana / The Human Stain e Portas de Luz. Umha Achega às Artes e à Cultura na Galiza dos 70.
Entre os tesouros expostos nesta última (e muito recomendável) exposiçom, algumhas joias bibliográficas do Grupo de Comunicaçom Poética Rompente (Alberto Avendaño, Antón Reixa e Manolo Romón). Algumhas que ainda pudem conseguir [como Facer pulgarcitos tres (A.A., 1979), As ladillas do travesti (A.R., 1979) e Galletas kokoschka non (M.R., 1979)] e outras [como o Silabario da turbina (Rompente, 1977)] que infelizmente já nom.
Nom vim na devandita exposiçom exemplar nengum d'A dama que fala (livro que também tenho a sorte de ter na minha biblioteca) nem de Fora as vosas sucias mans de Manuel Antonio (obra de Rompente que nem sequer conseguim ter nunca entre as minhas espero-que-limpas maos):
Cando en 1979 o día das Letras foi adicado a Manuel Antonio, o grupo Rompente editou un boletín, continuador das famosas Follas de resistencia poética, que se titulaba precisamente así: Fora as vosas sucias mans de Manoel-Antonio. A realidade é que os poetas vangardistas, que morren novos e que deixan unha fonda pegada nas xeracións posteriores non casan ben coas academias nen cos seus fastos.
[O Porto dos Escravos, Fóra as vosas sucias mans, 23 de Maio de 2008].
O que sim pudem ver nesta expo foi o cartaz que para a particular homenagem manoel-antoniana do Grupo de Comunicaçom Poética Rompente fijo o Colectivo da Imaxe (Menchu Lamas, Antón Patiño, Jorge Agra e Carlos Berrido), o cartaz que ilustra este post.
De Fora as vossas sujas maos de Manoel-António! tivem o privilégio de falar com um dos seus autores, Alberto Avendaño, a quem conhecim numhas Jornadas de Estudo (organizadas pola Direcçom Geral de Promoçom Cultural da Conselharia de Cultura e Comunicaçom Social da Junta de Galiza) dedicadas a Manoel-António que se celebrarom no Quartel Velho-Casa da Cultura de Rianxo há nove anos, nos dias 30 e 31 de Março de 2000.
Nesta mesma liña reivindicativa, pero tamén coa intención de que nos servise como promoción dos nosos futuros libros, creamos os Boletíns de Rompente. Por desgracia, non fomos capaces máis que de tirar un:
Foi co gallo do «Día das Letras Galegas» dedicado a Manuel Antonio. Ocorréusenos facer unha portada con esta consigna: ¡FORA AS VOSAS SUCIAS MANS DE MANUEL ANTONIO! Tratábase dunha publicación estilo fanzine na que ficcionalizabámo-la figura de M-A. Manipulamos un carnet de identidade cos seus datos, recuperamos supostos-falsos textos do poeta rianxeiro, fixemos a M-A protagonista dunha historia de ficción e aproveitamos para lanzar unha proclama a xeito de «nós, poetas galegos, pensamos que...», etc. Seica a ocorrencía non sentou nada ben en círculos galeguisras e institucionais. Para nós, M-A, era unha referencia imprescindible: a única actitude literaria coa que nos podiamos identificar dentro de territorio literario galego de calquera época.[Alberto Avendaño, O meu Rompente].
Suponho que por modéstia o Alberto Avendaño nom o contou neste texto que acabei de encontrar agora mesmo na internet, mas acho que me digera que o bilhete de identidade com o que falsificaram o de Manoel-António era o seu. Também me dixo daquela que no falhado da casa da sua mai devia haver caixas e caixas cheias de exemplares do (ao menos por mim) cobiçado boletim. "Só espero que a tua mai nom faga como Dona Pura" [a mai de Manoel-António], parece-me que lhe digem eu.
Já agora, nom lho perguntei ao Alberto Avendaño naquela ocasiom mas o título Fora as vossas sujas maos de Manoel-António acho que é umha paródia de No pongas tus sucias manos sobre Mozart, livro com o que por aquelas mesmas datas (1979-1980 a Wikipédia hispana nom o esclarece) ganhou o Prémio González-Ruano o escritor espanhol Manuel Vicent.
Escrito em 05-04-2009,
na categoria: TERRORISMO CULTURAL (TC):, Cachimbo Pola Paz
|
Os meus visitantes dizem: