Associa-te

    Palestina livre

    LNB 23/24

    Outro Garañón...

    Apoia-nos

    Audios

    Revista A Malha Nº 2

    Revista A Malha Nº 1

        Busca

      Constituída a plataforma Lugo, de cara ao Minho

      Constituída a plataforma Lugo, de cara ao Minho

      10-12-15

      O passado 10 de dezembro 15 colectivos e entidades ecologistas, sociais e políticas, e várias pessoas vizinhas de Lugo unimo-nos na plataforma Lugo, de cara ao Minho para fazer pressom frente a projectos especulativos, urbanísticos, energéticos ou qualquer tipo de atuaçom promovida desde o eido privado ou público que ameace a integridade e os valores naturais e culturais do rio Minho na cidade de Lugo. Lugo, de cara o Minho nasce co objetivo de acadar o respaldo das vizinhas e vizinhos de Lugo na defesa deste bem público ao que, historicamente, lhe temos dado as costas.
      A seguir deixamos a nota de imprensa completa.

      LUGO, DE CARA AO MINHO NASCE PARA FICAR
      O 10 de dezembro 15 colectivos e entidades ecologistas, sociais e políticas, e várias pessoas vizinhas de Lugo unimo-nos na plataforma Lugo, de cara ao Minho para fazer pressom frente a projectos especulativos, urbanísticos, energéticos ou qualquer tipo de atuaçom promovida desde o eido privado ou público que ameace a integridade e os valores naturais e culturais do rio Minho na cidade de Lugo. Lugo, de cara o Minho nasce co objetivo de acadar o respaldo das vizinhas e vizinhos de Lugo na defesa deste bem público ao que, historicamente, lhe temos dado as costas.
      Desde este movemento consideramos que o impacto que está a xerar no río Miño e na súa contorna as obras da hidroeléctrica da fábrica da luz xa é a gota que colma o vaso das múltiples e constantes agresións que o río vén soportando desde a instalación nas súas marxes do centro comercial de Carrefour: feira exposicións, gasolineira, vertidos, etc. Consideramos que xa é hora de que a veciñanza de Lugo mire de fronte ao río e non de costas e que responda de xeito contundente ao chamado de socorro que nos está a facer o río máis emblemático de Lugo e de Galiza.
      Esta plataforma xorde, non só para combater o actual proxecto de privatización e ampliación do caudal da fábrica da luz, senón que ten vocación de permanencia no futuro e, ademais, ten un carácter aberto a todas aquelas persoas, veciñas e veciños de Lugo que a nivel individual ou colectivo compartan estes mesmos obxectivos.
      Á agarda de que outras entidades e persoas confirmen a súa participación no movemento, actualmente Lugo, de cara ao Miño está conformado polos colectivos ADEGA, AGCT, Ateneo Engranaxe, Carneiro Alado, CIG, Cultura do País, Madia Leva, Masa Crítica, SLG, SOS Río Miño e as formacións políticas Anova, BNG, Compromiso por Galicia, Espazo Ecosocialista, Equo, Lugonovo e Podemos.
      Un atentado ambiental inasumible para o Miño e para Lugo. Fóra dique!
      Lugo, de cara ao Miño está en contra do proxecto de ampliación do caudal do Miño para o aproveitamento hidroeléctrico da fábrica da luz por parte da empresa asturiana Inca porque non é nin o lugar, nin o momento, nin son as formas.
      Non podemos permitir que se constrúa un dique no propio leito do río e no treito fluvial do Miño máis protexido e sensible polos seus valores naturais. Este treito está declarado como Zona de Especial Conservación, Rede Natura 2000 (ZEC Parga-Ladra-Támoga) e zona núcleo da Reserva de Biosfera Terras do Miño, alén de acoller 60 especies de aves, 5 hábitats de interese comunitario e diversas especies protexidas a nivel europeo, estatal e autonómico, das que dúas están en perigo de extinción (fento de río e mexillón de río). Gran parte destes valores foron obviados pola Declaración de Impacto ambiental (DIA) aprobada polo Ministerio e refrendada pola Xunta de Galiza.
      Tampouco é o momento de intervir no río, xa que no mes de decembro moitas especies piscícolas comezan a desovar e os impactos que sofren a flora e fauna do efluente son sumamente maiores. E tampouco son as formas, pois un proxecto destas características debería ser consultado coa cidadanía de Lugo, de xeito aberto, participativo e con total transparencia, algo do que adoeceu este proxecto desde as súas orixes.
      Por todo isto, apelamos á responsabilidade das Administracións competentes e solicitamos
      ante a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e á Xunta de Galicia que se paralicen as obras de xeito permanente, restituíndo o espazo ao seu estado natural, e que se anule a Declaración de Impacto ambiental por ser incompleta e inadecuada para a zona afectada. Alén disto, debemos destacar que a empresa concesionaria construíu o dique fóra da área autorizada pola DIA e fóra do prazo marcado pola mesma, polo que esta obra é ilegal.
      Tamén se acudiu á Fiscalía de Medio ambiente, a través de ADEGA, para solicitar a apertura de dilixencias por presuntas causas penais e xa se trasladou o asunto a Bruxelas, a través de SOS Río Miño e do Grupo de Esquerdas europeo, desde o que se formulará unha pregunta de urxencia no Parlamento Europeo sobre a lexitimidade destas obras.
      Polo aproveitamento e a xestión pública da fábrica da luz
      A fábrica da luz do río Miño que debe e merece ser conservada polo seu valor patrimonial, histórico e ambiental e como ben de carácter público. As luguesas e lugueses non podemos permitir que este emblemático edificio que nos pertence aos veciños sexa cedido para os intereses do sector privado, que só busca un beneficio industrial.
      Neste senso, Lugo, de cara ao Minho insta ao Concello de Lugo a tomar medidas. Demandámoslle que rescinda o contrato de concesión polo uso da fábrica da luz coa empresa asturiana e que recupere a xestión pública deste ben patrimonial, de xeito que o seu uso tamén sexa público e repercuta en beneficio da cidade de Lugo.
      Próximas accións de Lugo, de cara ao Miño
      Actualmente, os membros da plataforma Lugo, de cara ao Miño xa están a desenvolver labores de vixilancia a pé de río ante o presumible reinicio das obras do dique para chamar á mobilización caso de que iso suceda. Paralelamente, ao longo das vindeiras semanas, Lugo, de cara ao Miño promoverá accións informativas e divulgativas que consigan espertar conciencias e favorecer unha maior participación dos veciños e veciñas de Lugo na defensa do río Miño.
      A vindeira semana acudiremos ás distintas formacións políticas candidatas en Lugo ás próximas eleccións para solicitar e conseguir o seu compromiso firme na defensa do Miño e o seu apoio específico á demanda de paralización permanente das actuais obras e anulación do proxecto de ampliación de caudal da fábrica da luz.
      Todas aquelas persoas ou entidades interesadas en formar parte deste ilusionante iniciativa, poden dirixirse ao email: lugodecaraominho@gmail.com

      Escrito ?s 19:34:00 nas castegorias: album
      por SCMadiaLeva   , 1063 palavras, 796 views     Chuza!

      Endereço de trackback para este post

      Trackback URL (clique direito e copie atalho/localização do link)

      Ainda sem comentários

        madialeva.gz@gmail.com
        Rua Serra de Ancares 18
        Horário
        De segundas-feiras (luns) a sextas-feiras (venres) de 19h30 a 22h30
        CIF:G-27360825
          powered by b2evolution free blog software